O Supremo vai pronunciarse sobre os peches perimetrais esta semana

A disparidade da Xustiza autonómica no aval das medidas fai que Canarias non puidera illarse mentres o facían algúns concellos da nosa autonomía
Restricións
Ramiro Ponte

Dista moito a realidade xurídica en materia de medidas COVID das Illas Canarias fronte o panorama da comunidade galega. Mentres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou todas e cada unha das normas propostas pola Xunta despois de rematar o estado de alarma, os canarios non atoparon consolo nas súas autoridades xudiciais, véndose forzados a presentar un recurso ante o Tribunal Supremo, que se pronunciará sobre a posibilidade de pechar perimetralmente o arquipélago esta semana. Posición extensíbel ao resto de CCAA.

A xustiza galega aprobou o mércores da semana pasada as limitacións que previamente lle enviou a Consellería de Sanidade (dous días antes), apoiando a prohibición das reunións entre non conviventes (de 1.00 a 6.00) e a restrición das mesmas (fóra desas horas) na súa cantidade (seis persoas en espazos abertos e catro en zonas pechadas). Tamén se autorizou o toque de queda (ás 23.00 horas), a imposibilidade de celebrar ditas reunións e o peche hoteleiro e perimetral naqueles concellos con risco máximo de alerta (Padrón, Laza e Cambados).

Un día despois da aprobación do TSXG, o Executivo de Ángel Víctor Torres, presidente de Canarias, rexistrou un recurso ante o Tribunal Supremo contra a eliminación do illamento territorial na súa autonomía, entendendo esta medida esencial para controlar a epidemia global xunto coa limitación de reunións entre non conviventes.

Con isto, o alto tribunal trasladouno directamente á Fiscalía para alegacións. Así, unha vez que remita o seu informe á Sección Cuarta da Sala do Contencioso, o Supremo resolverá o recurso, tendo un prazo de cinco días hábiles (máximo) para facelo. Deste xeito, será a primeira medida contra a pandemia que valora, despois da reclamación de Canarias: a única que recorreu ata agora. Todo isto avanza de acordo co decreto aprobado polo Goberno, antes de acabar o estado de alarma, que lle dá ao Tribunal Supremo a última palabra para unificar unha única posición para as comunidades.

AVAL MAIORITARIO EN MOITAS DAS AUTONOMÍAS. A situación canaria, que agora recaerá no resto das comunidades autónomas, non foi excepcional, xa que, maioritariamente, salvando distancias con Galicia, os altos tribunais de Andalucía, Baleares, Cataluña, Castela a Mancha, Comunidade de Madrid, Estremadura , Murcia, Navarra e Valencia apoiaron as limitacións propostas polos líderes rexionais, aínda que non houbo uniformidade ao tratar aquelas restricións “conflitivas”que afectan directamente sobre os dereitos fundamentais.

No caso dos peches perimetrais que agora analizará o Tribunal Supremo, déronse posicións do máis atípicas entre as CCAA. Mentres que o alto tribunal canario e vasco denegaron a súa aplicación de xeito xeneralizado nas súas autonomías, os maxistrados galegos e estremeños consideraron pertinente aplicalo, aínda que en concellos. A guinda do pastel vén de Andalucía, onde sorprendentemente os xuíces permitiron os confinamentos municipais de catro localidades, rexeitando ao mesmo tempo (en dúas ocasións) o de Montefrío (Granada).