Un terzo dos galegos a vacinar contra a COVID xa ten a pauta completa

Son en total 785.000 cidadáns. Máis do 91% dos maiores de 50 anos ten polo menos unha dose
Coronavirus
E.P.
Foto de arquivo da cola para vacinarse na Cidade da Cultura, en Santiago. FERNANDO BLANCO

Os vacinados con pauta completa contra a covid-19 en Galicia superaron xa os 785.000 --en concreto, son 786.379--, que supoñen 15.324 persoas máis que na xornada anterior e que representan o 33,28%, un terzo da poboación susceptible de recibir a vacina. Ademais, o 54,36% dos galegos a vacinar contan con polo menos unha dose.

Así se constata nos datos actualizados na mañá deste domingo pola Consellería de Sanidade con rexistros até o peche da xornada de vacinación do sábado, recollidos por Europa Press, onde se indica ademais que se administraron 2.027.052 inxeccións --após superar este sábado a barreira dos dous millóns--, 26.509 máis que na xornada anterior. Isto implica que o Sergas puxo o 92,90% das 2.181.875 doses recibidas en Galicia até o momento.

Por grupos de poboación vacinados pola súa condición de vulnerabilidade, administrouse polo menos unha dose a 14.431 persoas de alto risco (+131) e 12.981 completaron a pauta (+121); mentres que 17.738 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose e 16.354 contan coa pauta completa (+4). Ademais, 23.811 persoas institucionalizadas recibiron polo menos unha picada e 23.211 finalizaron o proceso (+1).

En canto aos vacinados por probabilidade de exposición, 74.695 traballadores do ámbito sanitario recibiron polo menos a primeira picada e 63.764 completaron o proceso (+65). Así mesmo, administrouse polo menos a primeira inxección a 28.759 profesionais do ámbito sociosanitario e 22.258 contan coa pauta completa (+35).

Tamén recibiron polo menos unha dose da vacina contra a covid-19 63.276 traballadores esenciais e 4.186 completaron o proceso (+896).

En canto ás persoas que foron citadas a vacinarse pola súa idade, hai 1.061.626 galegos aos que se lles administrou polo menos unha dose (+12.317) e 643.621 teñen a pauta completa (+14.203).

GRUPOS DE IDADE

Se se clasifica toda a poboación vacinada por franxas de idade, os datos de Sanidade reflicten que, até o de agora, 130.581 persoas maiores de 85 anos --sen cambios-- recibiron polo menos polo menos unha dose; ás que hai que sumar 95.566 de 80 a 84 anos --sen cambios respecto da xornada anterior--; 133.054 de 75 a 79 anos (+1); 150.772 de 70 a 74 anos (+1); 150.718 de 65 a 69 anos (+17); 168.963 de 60 a 64 anos (+42); 176.696 de 55 a 59 (+74) e 157.972 de 50 a 54 anos (+9.981).

Así, até o momento recibiron polo menos unha dose 1.164.322 persoas maiores de 50 anos no conxunto de Galicia, que representan un 91,18% dos galegos a vacinar a partir desa idade.

A estes datos engádense 32.839 persoas de 45 a 49 anos (+1.247); 28.352 de 40 a 44 anos (+59); 20.646 de 35 a 39 anos (+41); 16.604 de 30 a 34 anos (+36); 13.477 de 25 a 29 anos (+19); 7.376 de 20 a 24 anos (+4); 736 de 15 a 19 anos; e un de 10 a 14 anos, ambos os grupos sen cambios respecto dos datos rexistrados na xornada anterior.

Por tanto, até a data 1.284.353 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en toda Galicia --11.521 máis que na xornada anterior--, que supoñen o 54,36% da poboación a vacinar na Comunidade Galega.

SANTIAGO. EUROPA PRESS