Mozas e mozos de Silleda e Brión participan nun ‘hackaton’ da ONG Agareso // Pertence ao proxecto de innovación educativa EpDlab TEXTO S. E.

Analizan na rede os efectos do covid nos países empobrecidos

Sol Elvira
Un profesor do IES Pintor Colmeiro.

Medio cento de rapaces e rapazas de toda Galicia participan esta semana nun hackaton en liña sobre o impacto que ten o coronavirus en países empobrecidos, sen servizos básicos ou sistemas sanitarios públicos e con grandes desigualdades no acceso a unha vivenda digna, organizado pola ONGD Agareso. Rapazada de Silleda, Brión, Viana de Bolo e Bueu recolle información sobre a pandemia do epidemiólogo galego afincado en Londres Javier Guitián, e datos sobre o seu impacto en países empobrecidos da man de Silvana Vivanco (de Perú), Ruhaan Je (da India), Dorian Díaz (de Guatemala), Estéfani Guillén (da República Dominicana) e Jenifer Rivas (de El Salvador).

O seu obxectivo , segundo explican desde a ONG, é entender os efectos que ten a pandemia nos países sen servizos básicos, sen sistemas sanitarios públicos e con grandes desigualdades no acceso a unha vivenda digna, e trasladarlle esta información ao resto da sociedade, mediante vídeos e memes feitos por eles e por elas mesmas.

Este hackaton forma parte do proxecto educativo EpDLab e en anos anteriores celebrouse en Silleda, nun encontro intercentros que permitía ao alumnado dos distintos centros de toda Galicia que participan no proxecto coñecerse en persoa. Nesta ocasión, e co motivo da pandemia, celebrouse virtualmente, explica un dos mestres implicados no proxecto, Ovidio Villar, “para coñecer a realidade global do mundo, aprender directamente dun epidemiólogo e ver a relación entre o avance da pandemia e os recursos básicos cos que conta cada zona do planeta”. Para este docente, responsable do proxecto no IES Carlos Casares de Viana, o hackaton, que está aberto e é de libre uso para docentes e familias interesadas, é “unha clase de xeografía ben completiña, fundamentalmente de xeografía social, que radiografía a verdadeira pandemia que sofre este planeta, e que vai moito máis alá do coronavirus”.

Sinalar que EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, e outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos arredor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara a comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e a denuncia da desigualdade.

A crise da covid-19 tronzou pola metade a quinta edición deste Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento. O peche dos centros de ensino impediu celebrar nas aulas os últimos obradoiros.

O EpDLab está deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega. Pódese coñecer máis sobre o proxecto no artigo Narrativas Dixitais para potenciar a creatividade, a participación e opensamento crítico na ensinanza obrigatoria, publicado no Congreso Internacional sobre Aprendizaxe, Innovación e Cooperación.