Aprazada ata o vindeiro ano a Festa Folk na Fin do Camiño de Fisterra

José M. Ramos

COSTA DA MORTE. A Asociación Cultural Anchoa, organizadora da Festa Folk na Fin do Camiño, vén de anunciar a decisión de suspender a edición número 20, prevista para o vindeiro día 22 de agosto, e aprazala ao ano 2021. “O motivo é evidentemente a crise sanitaria que estamos a vivir, e a imposibilidade de poder cumprir cas garantías mínimas de seguridade”, aseguran. Xa tiñan a programación case completa, que esperan poder trasladar ao vindeiro ano. Lamentan os inconvintes que esta situación poida xerar, pero “pensamos que a saúde está moi por riba de calquera outra cousa e non podemos arriscar nin a dos nosos seguidores, nin a da xente que colabora voluntariamente na organización e o desenvolvemento deste festival”. Apelan ao “sentidiño” e mandan “un feixe de ilusión para superar todo esto”.