Aprobada a exclusividade de 46.500 € para Freire

Rexeitou a oposición de Noia un crédito de 346.000 euros para pagos a proveedores
Suso Souto
Pola esquerda, a dimisionaria Mariola López Cierto, Freire e a edil Laura Salgado. Foto: C. N.

O pleno ordinario celebrado o xoves en Noia aprobou unha dedicación exclusiva de 46.500 euros para o alcalde, Santiago Freire, que utilizará a que xa tiña a concelleira Mariola López Cierto, quen presentou na sesión a súa renuncia á acta de concelleira por motivos familiares.

Unha dedicación que contou co voto favorable do PP e do NO.I.A., a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE e a Marea.

O rexedor explicou que a contía a percibir é de 46.536 euros brutos anuais, o que, para este ano, se traducirá nunha retribución de 19.390 € e 4.884 € para a Seguridade Social. Freire puntualizou que é o equivalente á retribución que recibe como inspector de Saúde Pública (actividade que deixará en agosto).

O mandatario lamentou a postura da Marea Cidadá de Noia, á que lembrou que “non é bo para a saúde democrática facer esaxeracións sobre contías que non se axustan para nada á realidade e que o único que buscan é intentar confundir á opinión pública”.

Onde si houbo unanimidade foi na aprobación do expediente de modificación de crédito por importe de 190.500 €, con cargo ao remanente de Tesourería, para gastos xerais de 1,4 millóns.

Estes cartos irán destinados principalmente á cofinanciación do Servizo de Axuda no Fogar (160.000), a Emerxencia Social (10.000), a bolsas de material escolar (30.000) e a comedor (5.500).

Así mesmo, aprobouse o expediente de modificación de crédito por importe de 69.279 €, con cargo ao remanente de Tesourería, para gastos xerais. Irán destinados a actividades deportivas e a reparacións e posta a punto da piscina municipal e mobiliario para o conservatorio.

Finalmente, os votos en contra de PSOE, Marea e BNG, unidos á abstención do NO.I.A., impediron a aprobación dun crédito extraordinario de 346.000 € para o pago de facturas a provedores por traballos realizados este ano.

O alcalde explicou que estas facturas “poden pagarse por transferencias de crédito, pero iso suporía que poderíamos encontrarnos sen fondos nesas partidas se xurdiran novas necesidades. Pretendemos aplicalas ó remanente de Tesourería, sobre todo cando non sabemos se eses cartos poden estar comprometidos, xa que incluso se fala de que os vaia usar o Estado”.

NO.I.A. e Marea pediron que a cuestión quedara sobre a mesa, cousa que rexeitou o mandatario alegando que “non procede, pois son gastos realizados. A situación non vai mudar se se trata máis adiante. Os provedores teñen realizado o seu servizo e teñen que cobrar. Outra cousa é a estratexia política de cada grupo. Despois, que cada quen saque conclusións”.

Os tres grupos da oposición xustificaron o seu voto en contra na existencia de facturas sen consignación orzamentaria previa, “unha práctica que debe corrixirse”, admitiu Santiago Freire.

O momento máis emotivo foi a oficialización da renuncia de Mariola López Cierto, concelleira de Comercio e Hostalería, por motivos familiares. “Foi unha decisión moi dura, pero hai momentos na vida nos que hai que tomalas. Foi unha honra”, sinalou.