Aprobado o plan que delimita os espazos e usos do recinto portuario de Ribeira

No documento recóllense o ordenamento do solo e a distribución das actividades nas diferentes zonas
Suso Souto
Mariñeiros descargando peixe fronte á lonxa de Ribeira. Foto: Suso Souto

Ribeira. O peirao autonómico de Ribeira xa ten aprobados desde onte os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) que planifican e definen os usos previstos para cada unha das diferentes áreas da zona de servizo portuario, incluíndo os espazos de terra e auga. O Consello de Administración de Portos de Galicia ratificou dito plan, tras superar o trámite de exposición pública previa e o informe dos organismos competentes.

A delimitación recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven ou poderán desenvolverse no futuro nas diferentes zonas que delimita dentro do dominio público portuario. Trátase dunha ferramenta necesaria para ordenar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, avanzando deste xeito na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias.

A DEUP de Ribeira permitirá unha utilización máis racional dos espazos, xa que se valoran as posibilidades de desenvolvemento para as futuras actividades portuarias tendo en conta a existencia dunha ampla superficie de interacción porto-cidade.

O documento recolle seis usos portuarios básicos: pesqueiro, náutico-deportivo, mixto, comercial, actividades complementarias e infraestruturas básicas. Foi sometido a información pública en abril de 2018 e solicitados informes do Concello de Ribeira, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da Consellería do Mar; da Secretaría Xeral para o Deporte, da Demarcación de Costas en Galicia, da Capitanía Marítima de Ribeira, dos ministerios de Defensa, Interior e Facenda e Administracións Públicas. s. s.