e a mellora de infraestruturas // O resto será para gasto corrente TEXTO A. Prada

Área recibe máis de 27 millóns do Plan Único da Deputación

Alba Prada
Tramo da estrada que vai de Castenda a Trazo, na que se van investir fondos do POS. Foto: C. Tordoia

A Deputación da Coruña vén de aprobar por unanimidade a primeira achega do Plan Único (POS+2020), que suporá un investimento de 41.266.299 euros nos 93 concellos da provincia. Como cada ano, esta cantidade irá incrementándose progresivamente ao longo do exercicio, coa incorporación de fondos adicionais. Deste total, os municipios de Área de Compostela faranse coa cantidade de 26.4000.000 euros. En concreto, a comarca santiaguesa percibirá trece millóns; Costa da Morte e Bergantiños farase con 7,5 millóns de euros e os concellos do Barbanza, con 5,9.

No caso dos municipios que conforman a comarca de Compostela, o plan impulsado polo goberno provincial de Valentín Formoso destinará case a metade do presuposto do POS+2020 (13.000.000) ao financiamento de 66 obras de construción e mellora de infraestruturas públicas. Entre elas, poden destacarse os traballos en beirarrúas e mellora de estradas e camiños en Brión, Arzúa, Melide, Frades, Oroso, Ordes, Negreira, Toques ou Tordoia; a creación de redes de saneamento e abastecemento de auga en A Baña, Dodro, Val do Dubra e Teo; os labores en infraestruturas culturais e deportivas coma os vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns e a reforma da casa da cultura de Ames ou a renovación do terreo de xogo do campo de fútbol de Urdilde (Rois). A outra parte do Plan Único empregarase para gasto corrente dos concellos da zona. Con estes fondos, a Deputación axuda no financiamento dalgúns servizos esenciais coma a limpeza de rúas, a recollida de lixo ou o alumeado público.

As comarcas de Bergantiños e Costa da Morte destinarán a metade desta inxección económica inicial (7,5 millóns), a labores de construción e para arranxar infraestruturas. En concreto, as actuacións que se financiarán serán novas beirarrúas e o adecentamento de estradas e camiños en Cabana de Bergantiños, Laracha, Ponteceso, Camariñas, Malpica, Dumbría ou Muxía. Tamén se crearán redes de saneamento e abastecemento de auga en Carballo, Coristanco, Cerceda, Fisterra ou Vimianzo; mellorarase o alumeado público en Cee e suministrarase un novo vehículo a Protección Civil de Muxía e un camión de recollida de lixo para Laxe. O outro montante do POS empregarase en financiar parte do gasto corrente dos concellos da zona.

No Barbanza o ente provincial achegará 5,9 millóns, e deles, máis da metade irá a parar a 34 proxectos de construción e para arranxar infraestruturas públicas. Algunhas das actuacións que contarán con financiamento do POS+ provincial son as estradas e camiños en Ribeira, Lousame ou Outes; as redes de saneamento e abastecemento de auga en Ribeira, Boiro, Carnota, Porto do Son ou A Pobra; as instalacións deportivas como os campos de fútbol de Muros e Noia ou a piscina de Mazaricos, e as futuras áreas recreativas como a do CEIP Ana María Diéguez en Rianxo.

O resto dos 5,9 millóns empregaranse no gasto corrente de sete concellos da zona: Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia e Outes. Con estes fondos, financiaranse servizos como a limpeza de estradas, a recollida de lixo ou o alumeado público.