A Xunta investirá 1,1 millóns de euros na mellora de varias estradas de titularidade autonómica // O obxectivo é rehabilitar o firme, limpar as cunetas e repoñer a sinalización // Aclaran que o acordo coa Variante de Carballo sigue intacto a pesar do retraso motivado pola pandemia do covid TEXTO A. Prada

Arranxan viais de Arzúa e Melide

Alba Prada
Un momento das obras de asfaltado na estrada AC-840. Foto: Xunta

Máis de 1,1 millóns de euros será o orzamento que investirá a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para arranxar o firme de varias estradas autonómicas nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e tamén en Betanzos. O obxectivo das intervencións, que teñen un prazo de execución de cinco meses, é mellorar as condicións de circulación nas estradas de titularidade autonómica AC-231, ao seu paso polos municipios de Aranga, Curtis e Sobrado, e na estrada AC-840, en Betanzos, Oza-Cesuras, Curtis, Vilasantar e Boimorto.

O contrato recolle a rehabilitación do firme nos tramos que presenten carencias, mediante o fresado e a reposición do mesmo con mestura bituminosa en quente ou o seu recrecido con microaglomerados segundo as necesidades. Así mesmo, prevese a limpeza de cunetas e a reposición de sinalización horizontal. Inclúense asemade as melloras de sinalización vertical ou barreiras de seguridade.

VARIANTE CARBALLO Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aclaran tamén que “a Xunta mantén o seu compromiso de impulsar e axilizar a Variante de Carballo”. A principios do ano pasado anunciaba que se licitaría a redacción do proxecto no primeiro trimestre do 2020 e que se ía empezar por Bértoa. Pero a situación de crise sanitaria motivada polo covid-19 “obrigou a retrasar un pouco a súa licitación”, explican dende o Goberno galego. Para avanzar na variante de Carballo, que servirá de alternativa á estrada AC-552, a Xunta ten proxectada a súa execución en dous treitos: un desde o oeste do municipio ata a vía provincial que leva a Compostela; e o outro que é o da saída directa do polígono de Bértoa coa estrada de Ordes. O orzamento estimado das dúas fases rolda os 28 millóns de euros.

Nunha primeira fase está previsto impulsar o tramo que unirá a estrada AC-552 na súa ligazón en Bértoa coa autovía AG-55, coa AC-413 que se dirixe a Ordes e co vial provincial DP-1914, moi empregado para desprazamentos en dirección Santiago. Con esta actuación, cuxo presuposto base é de 15 millóns de euros, darase un servizo máis directo ao polígono de Bértoa, “que xera gran parte da actividade económica de Carballo e da súa mobilidade”, aseguran dende Infraestruturas.