Aval europeo para Carballo polas súas accións ambientais

Acadou o oitavo posto entre as 18 cidades que aspiraban ao premio Folla Verde neste ano
José M. Ramos
Unha das céntricas rúas de Carballo que foi reurbanizado no marco do plan de mellora de espazos públicos. Foto: C. Carballo

Carballo entrou no top 10 das cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Así o avala o oitavo posto que vén de outorgarlle o equipo de 12 expertos europeos encargados de analizar e avaliar as memorias das 18 cidades de todo o continente seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europa (Europea Green Leaf).

O Concello carballés acadou moi boas valoracións nalgunhas das seis áreas temáticas, aínda que destaca o cuarto posto na de Residuos e Economía Circular.

Na área de cambio climático e eficiencia enerxética, os expertos avaliaron moi positivamente o feito de que Carballo fose o primeiro concello galego en implantar a tecnoloxía led en todo o alumeado público, acadando un 80% de aforro en consumo; así como os proxectos presentados ao IDAE Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos e Cicl-Ando, que vén de conseguir o máximo financiamento europeo. A adhesión ao Pacto dos Alcaldes e a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible mereceron unha mención especial.

En canto a mobilidade urbana sostible, as accións mellor valoradas están relacionadas co fomento da mobilidade peonil, a redución da velocidade urbana a 30 Km/hora, as iniciativas para facilitar o aparcamento mediante a zona azul e os convenios con particulares para crear grandes bolsas no centro urbano. Así mesmo, a elaboración da Estratexia para a mellora do espazo público e a mobilidade urbana recibiu moi boa valoración.

As políticas de protección, xestión e sensibilización cara o medio ambiente foron destacadas polos expertos na área de natureza, biodiversidade e uso sostible do territorio, no que subliñan que Carballo “está bendecido por un hábitat costeiro significativo” e poñen en valor a protección da píllara das dunas.

No apartado de calidade do aire e o ruído, os aspectos mellor valorados son as ordenanzas de ruídos e de tráfico. E polo que respecta á auga, os expertos destacan o proxecto Anllóns-Bardoso e a extensión do abastecemento e saneamento a todo o territorio, así como as campañas informativas e de concienciación social.

A área mellor valorada é a de residuos e economía circular, especialmente pola recollida selectiva nas diferentes fraccións, o plan de compostaxe doméstica e as accións de sensibilización cidadá encamiñadas a conseguir unhas rúas libres de cabichas e outros residuos. Ademais, Carballo Limpo é considerado como un exemplo de integración social, laboral e respecto ambiental.