pesca. Mar habilitará 600.000 euros para paliar a caída de ingresos durante a pandemia // Houbo rulas que, aínda que rexistraron máis descargas que en 2019, facturaron menos a causa da baixada de prezos // A crise sanitaria fixo caer a demanda de peixes e mariscos debido ao peche da hostalaría

Axudas para as confrarías e lonxas

José M. Ramos
Quintana, terceira pola esquerda, co patrón maior e concelleiros de Malpica de Bergantiños. Foto: Xunta

A Consellería do Mar incluíu no seu plan para a dinamización do complexo mar-industria Avantemar unha liña de axudas, por valor de 600.000 euros, para que as confrarías de pescadores e outras entidades xestoras de lonxas poidan compensar as caídas de ingresos que sufriron durante o estado de alarma como consecuencia da menor demanda de produtos do mar polo peche da hostalaría, e favorecer así o mantemento da súa actividade.

Así o anunciou onte a conselleira, Rosa Quintana, durante unha visita á confraría de Malpica, onde destacou a importancia destas entidades para o desenvolvemento do sector e para a recuperación trala crise sanitaria. Agradeceu o esforzo que fixeron os buques pesqueiros e as propias lonxas durante a pandemia “para cumprir co seu papel como actividade esencial para o subministro de alimentos de calidade á cidadanía”, e incidiu en que houbo rulas que incluso rexistraron máis descargas que durante o mesmo período de 2019 pero que “viron como os seus ingresos descendía pola caída de prezos ante a menor demanda”. Ese foi o caso da de Malpica.

A convocatoria das axudas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos próximos días e resolverase ao longo de 2020, segundo sinalou Quintana. A contía do apoio fixarase tendo en conta a caída dos ingresos polas tarifas que lles correspondan ás entidades solicitantes pola poxa ou venda cun máximo a considerar do 7% no período do estado de alarma, entre o 14 de marzo e o 15 de maio.

A conselleira salientou que o plan Avantemar aspira a reactivar a cadea mar-industria de Galicia o antes posible “e que ningúen quede atrás no camiño da recuperación atendendo especialmente a aqueles profesionais e entidades que, coma nestes caso, non se benefician das medidas deseñadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)”.

O referido plan suporá unha inxección global de 77 millóns de euros en 2020 e 14 en 2021 no complexo mar-industria a través de cinco liñas de apoio que buscan aportar liquidez e solvencia ás empresas do sector para garantir a súa sustentabilidade e competitividade ante as dificultades derivadas do covid-19.

Entre as medidas de apoio ao sector incluídas no plan está a destinada aos barcos que seguiron faenando durante a pandemia a pesar de que non era rendible, que conta cun orzamento de 7,3 millóns de euros, así como a deseñada para as mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno do Estado. Estas dúas medidas estarán financiadas integramente con fondos propios da Xunta.

A elas súmanse oito millóns en apoios ao sector transformador, que se adían a 2021 co obxectivo de paliar as caídas na facturación que rexistren durante este ano, seis millóns para as empresas de acuicultura tamén o próximo ano para cubrir as minoracións de ingresos no presente exercicio, e 400.000 euros para as redeiras que viron caer a súa actividade e o número de pedidos como consecuencia da menor actividade da frota. A conselleira do Mar incidiu na importancia de seguir promocionando e incentivando o consumo dos produtos do mar para impulsar os prezos e agradecer o papel esencial do sector.