Boiro deseña zonas azuis en seis rúas e cun límite de dúas horas

Romero di que se farán máis para “rotar os aparcamentos” pero que nunca serán de pago
Transporte
Suso Souto
Plano das zonas azuis e express que se van delimitar no centro urbano de Boiro. Foto: C.B.

O Concello de Boiro está inmerso no proceso de elaboración dunha nova regulación relativa á Ordenanza de Circulación, cuxo borrador está xa a exposición pública para suxerencias e alegacións.

Unha das novidades é a creación de zonas azuis e zonas exprés gratuítas no que o rexedor califica como “o epicentro comercial e administrativo da vila” co obxectivo de “propiciar a rotación de vehículos mediante a limitación do tempo de estacionamento”. Asimesmo, xa anunciou que “a medida que se vai consolidando a implantación destas zonas, “faranse máis”, pero quixo deixar claron que “nunca serán de pago, polo menos mentres sexa alcalde”.

As zonas azuis están marcadas na avenida da Constitución (do número 35 ó 47) e nas rúas Principal (do 64 ó 88), Poeta Manuel María, Robustiano Pérez del Río, Norberto Pijúan e Vimieiro.

En canto ás exprés, ubicaranse na avenida da Constitución (diante dos inmobles números 14, 20, 23, 31, 47, 57, 67 e 79) e nas rúas Principal (64 e 82), Poeta Manuel María (1 e 14), Robustiano Pérez del Río (número 18) e Norberto Pijúan (5 e 11).

O tempo máximo de permanencia dun vehículo nunha mesma rúa, praza ou zona será de unha hora e media, e dentro dese período poderán utilizarse unha ou diversas prazas de estacionamento. O período máximo de permanencia nunha zona exprés será de 15 minutos, aínda que nela poderase volver aparcar pasadas dúas horas.

O horario de limitación comprenderá de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00, agás os domingos e festivos, que serán de libre estacionamento. Cando un vehículo estacionado en zona azul ou zona exprés permaneza durante máis de tres horas no mesmo lugar, os axentes da Policía Local poderán retiralo da vía pública e trasladalo ao depósito municipal.

O mandatario dixo que este plan vai en paralelo ó de creación de novas zonas para o estacionamento na vila, tras a apertura do parquin subterráneo de A Boqueira de A Negral e a habilitación de plazas outros puntos, entre eles a Praza da Mancomunidade.