Camariñas e Malpica reparten máscaras e xel nos centros educativos

Dende os concellos queren contribuir a reforzar os protocolos para evitar contaxios
COVID-19
José M. Ramos
O alcalde de Malpica, Walter Pardo, á esquerda, e o concelleiro de Benestar, Sergio García

Camariñas. Os concellos de Camariñas e Malpica distribuiron nos colexios e institutos dos seus municipios xel hidroalcohólico e máscaras para garantir a seguridade dos escolares.

Onte comezou o reparto a todos os centros camariñáns de educación obligatoria. Entregáronlles recipientes de xel que se poden rechear, para garantir así a utilización durante todo o curso. Ademais o Concello reforzará o dispositivo de limpeza e instalará mamparas nos espazos onde no se poidan, loxísticamente, cumprir as medidas sanitarias.

Dende o goberno local aseguran que “intensificaremos as medidas para que os protocolos se cumpran á perfección. Vai ser a nosa prioridade garantir a seguridade das máis pequena e pequenos”.

Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e o concelleiro de Promoción Económica e Benestar, Sergio García, fixeron entrega aos centros educativos de lotes de máscaras sanitarias e difusores de xel hidroalcohólicos, coincidindo co inicio do curso de Infantil e Primaria.

O rexedor malpicán quixo trasladarlle ánimos “tanto aos pequenos como ás familias por este novo curso que comeza. Sabemos que é unha época incerta pero estaremos de seu lado para garantir a súa seguridade cen por cen”, afirmou o primeiro edil. J. L.