Cine e pintura abren a oferta cultural deste mes en Muros

Cultura
Suso Souto
Fachada da casa consistorial de Muros. Foto: C.M.

Muros. O pasado sábado abriron ó público as salas de exposicións do centro Conserveira de Sel, en Muros, que presentan dúas coleccións de pintura e escultura: Croma, con obras dos artistas locais Alejandro Senande, Amalia Costa, Montse París, Pepa Sestayo e Carmen Senande, e Los colores del agua, dos acuarelistas Fuencisla Iborra e Luis Cámara. Ambas poderanse ver ata finais deste mes.

Os visitantes tamén poderán gozar das coleccións permanentes do Centro de Patrimonio Marítimo e do Muíño de Marea do Pozo do Cachón.

A programación cultural continúa co ciclo de cine. Hoxe martes, ás 22.00 horas, proxectarase en San Francisco (Louro) o filme Cavernícola. Mañá mércores, no centro cultural de Muros, será o turno da longametraxe Quien a hierro mata. O xoves terá lugar no Artón (Esteiro) a proxección de La casa del reloj en la pared. O venres, de novo no centro cultural, os asistentes desfrutarán da película Eroski-Paraíso, e o sábado, ás 21.30, no Curro da Praza, ofrecerá un concerto Adhara.

O domingo día 9, tamén ás 21.30 na Praza do Mercado muradá, o grupo de teatro Talía representará Voa, voa Xoaniña. As actividades seguirán a diario ate o día 14, alternando teatro, circo e música. s. s.