Cuarto certame de fotos ‘Enfoques do Allo’ en Zas

José M. Ramos

terra de soneira. Onte comezou a cuarta edición do Concurso de Fotografía Móbil Enfoques do Allo, organizado pola concellaría de Cultura de Zas xunto coa Deputación da Coruña. O obxectivo principal é promocionar o pazo máis antigo de Galicia e a súa contorna. A participación é de balde e non require de inscrición previa. Simplemente é preciso facer unha fotografía ou varias, do interior ou dos exteriores das Torres do Allo e enviala ao enderezo: enfoques@torresdoallo.gal entre os días 15 de xullo e 31 de agosto. As persoas interesadas en participar no certame poden consultar as bases do certame na páxina web www.torresdoallo.gal. Establecéronse tres categorías de premios: un primeiro dotado con 100 euros, o segundo con 75 € e o terceiro con 50 €. Lembrar ademais que os horarios de visita das Torres do Allo son de 11.00 a 20.00 horas, de luns a venres, e de 11.00 a 21.00 horas durante as fins de semana na tempada estival.