Esixen a extensión da autovía ata Berdoias

Alcaldes de Costa da Morte acusan á Xunta de deixar “unha toxeira” e de “olvidar” esta zona
José M. Ramos
Alcaldes e concelleiros socialistas onte en Calo - Vimianzo

Vimianzo. Os alcaldes e alcaldesas de Carnota, Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía e Vimianzo, acompañados de edís e do candidato do PSdeG-PSOE nas eleccións autonómicas, o corcubionés, José Antonio Louro, xuntáronse onte en Calo (Vimianzo), para esixir a prolongación da autovía de Costa da Morte ata Berdoias, como estaba previsto no proxecto inicial elaborado pola Xunta cando gobernaba o bipartito.

O encontro tivo lugar no punto onde está previsto que remate a prolongación da vía de alta capacidade desde Santa Irene ata Calo que proxecta a Xunta para entroncar coa carretera de Camariñas. Os rexedores aseguran que, si os socialistas chegan a gobernar, “comprometémonos a que se vai a completar todo o trazado como autovía ata Berdoias ou mesmo ata Cee”, afirmou o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño.

Lembrou ademais que Feijóo xa anunciara no acto de apertura da variante de Cee a Sardiñeiro, no ano 2009, que “no 2013 ían estar feitos os 42 quilómetros de autovía, pero a realidade é que só construiron 27, cun custe de 23 millóns por quilómetro, cando no proxecto que tiña en marcha o bipartito a contía era de arredor de 10 millóns/quilómetro”.

O candidato socialista, José Antonio Louro, sinalou que “a realidade é que o que ía ser unha autovía é agora unha toxeira; todo son promesas”.

Os alcaldes tamén se queixaron do “olvido” da Costa da Morte por parte da Xunta noutros ámbitos, como sanidade, educación, saneamentos ou á hora de dotar este territorio de banda ancha. Así, o rexedor de Muxía, Iago Toba, denunciou que onte mesmo lle comunicaron desde o centro de saúde “que imos quedar de novo sen pediatra e tamén sen algún médico, por mor das vacacións que non se van a cubrir”. Tamén en Camariñas a especialista en pediatría estará ausente 15 días, segundo sinalou a alcaldesa, Sandra Ínsua.

Por outra banda, os rexedores expresaron a súa solidariedade coa demanda da rexedora de Vimianzo para que se constrúa o enlace co polígono, ante a disputa aberta entre Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) e a Xunta sobre a financiación da obra.

REFLEXIÓN. A este respecto, o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, remitíulle unha carta á presidenta de SEA, Beatriz Sestayo, para pedirlle que “reflexione acerca de la consideración de la necesidad o no del vial para el polígono de Vimianzo, porque la alegación presentada lo desvincula jurídicamente del propio parque, lo que sólo es posible si no lo ve necesario. No es esto lo que nos han transmitido públicamente”.

Asemade, solicita a Suelo Empresarial del Atlántico que teña en consideración a proposta de convenio de colaboración feita pola Consellería de Infraestruturas a SEA e ao Concello de Vimianzo, sinalando que “es beneficiosa para todas las partes”.