Noia percibirá 1.000.000 de euros da Xunta para rehabilitar o IES Campo de San Alberto // En Melide substituirase a cuberta do CEIP nº 1 e instalaranse novas luminarias // Os colexios da Estrada e Cee tamén se ven beneficiados

Invístense máis de dous millóns nos centros educativos de Área

Alba Prada
Fachada do IES Campo de San Alberto, en Noia, que recibirá máis dun millón de euros. Foto: canalbarbanza.com

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de adxudicar obras de rehabilitación en varios centros educativos de Área de Compostela. En concreto, o Goberno galego fará un investimento de 2.210.000 euros nos municipios de Noia, Cee, A Estrada e Melide. A maior axuda deste total irá a parar ao IES Campo de San Alberto, en Noia. E é que segundo publicou a Consellería na plataforma Contratos de Galicia, achegarase un total de 1.013.865 euros para mellorar o centro.

As obras, que teñen un prazo de execución de 3 meses e se compatibilizarán a partir de setembro co curso escolar, inclúen unha parte de mellora da eficiencia enerxética para o que se contempla o illamento polo exterior mediante sistema SATE, realizado con placas de illamento térmico de poliestireno expandido EPS nos panos de fachada. Así mesmo substituiranse as fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo. Tamén se mudarán as persianas, que serán de aluminio con illante térmico interior. A maiores, instalaranse novas luminarias con tecnoloxía LED e equipos de regulación e detección. Por outra banda, a rehabilitación integral inclúe o cambio dos lucernarios da cuberta, a colocación de novos teitos acústicos anti-reverberación nas aulas e de teito vinílico nos aseos.

O CEIP de Melide nº1 recibirá unha adxudicación de 856.660 €. Neste caso substituirase a cuberta existente na zona de comedor-cociña e na deportiva por unha nova panel sandwich con illamento intermedio de poliuretano. Tamén se illarán as fachadas polo exterior e se cambiarán as fiestras por unhas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre. Asemade vaise potenciar a accesibilidade instalando un ascensor exterior, unha rampla externa en planta baixa e outra no interior da planta soto.

No municipio estradense as axudas están dirixidas ao IES Antón Losada Diéguez. Serán en concreto 223.363 euros que se empregarán para atender as necesidades de espazo dos ciclos da familia de Automoción que imparte o instituto mediante a adaptación dos talleres no referente ao número de espazos e dimensións dos mesmos. Tamén se atenderán as peticións plantexadas polos módulos de formación profesional que se imparten na actualidade. As obras dividiranse en tres partes. Na primeira delas acometerase a demolición do forxado existente na planta primeira da nave central e construirase, na segunda, un novo para dar soporte á nova aula de electricidade proxectada. Por outro lado, reordenaranse os espazos auxiliares da zona baixa de dúas das naves, o que permitirá dotar aos talleres dun vestiario feminino e aseo adaptado, así como acondicionar un novo masculino.

Por último, o IES Fernando Blando de Cee terá unha achega da Xunta de 135.517 euros. As actuacións consistirán no cambio de cuberta do edificio de talleres situado na parcela do instituto. En concreto está previsto retirar a actual cubrición de fibrocemento por unha nova realizada en chapa metálica sándwich. Así mesmo, substituirase a carpintería de formigón por outra metálica con acristalamento.