Teñen como obxectivo impulsar actuacións de posta en valor de riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística // Beneficiaranse máis de corenta concellos de Área // Retómase así a liña de subvencións que tivo que ser paralizada

Máis de 900.000 € en axudas para infraestruturas turísticas

José M. Ramos
A área recreativa de Gabenlle, na Laracha, verá mellorada a súa accesibilidade. Foto: Concello da Laracha

A Xunta de Galicia vén de notificar a algo máis de corenta concellos da Área de Compostela que son beneficiarios das axudas destinadas a actuacións de posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do rural, por un importe total superior aos 900.000 euros.

A maior contía corresponderalle aos municipios da área de Santiago (326.000 euros). Na Baña construirán un aparcamento de caravanas en Couto Carballo; en Arzúa mellorarán diversas infraestruturas turísticas no medio rural; en Boqueixón rehabilitarán o Campo do Río de Ponte Ledesma; en Dodro acometarán obras de conservación e restauración do hórreo do arco de Castro; en Frades recuperarán e dixitalizarán a sala etnográfica; en Melide realizarán melloras en Leboreiro e Furelos; en Ordes recuperarán o muíño novo e porán en valor a ruta do río Mercurín; en Oroso revalorizarán a antiga mina de ouro das Grobias; en Padrón instalarán un alumeado ornamental no lugar de Cruces; no Pino sinalizarán os seus recursos e servizos turísticos; en Santiso crearán un miradoiro sobre o río Ulla; en Teo habilitarán unha sinalización interpretativa da ruta da batalla de Cacheiras e instalarán unha pequena área de lecer no percorrido; en Touro desenvolverán unha aplicación de realidade aumentada vinculada ao Camiño, e en Vedra acondicionarán a ruta e unha área de interpretación dos muíños.

Pola súa banda, na Costa da Morte, doce concellos recibirán axudas por un valor total de 239.000 euros. A Laracha investirá a subvención na rehabilitación e mellora da accesibilidade ao entorno turístico de Gabenlle; Cabana instalará paneis de sinalización do dolmen de Dombate; Carballo habilitará unha mesa panorámica accesible no mirador de Vilela; Cee cubrirá os contedores no traxecto do Camiño a Fisterra; Coristanco instalará paneis informativos no espazo natural de Verdes; Dumbría reparará a pasarela de acceso á fervenza do Ézaro; Fisterra balizará o paseo marítimo da praia de Langosteira; Muxía mellorará a iluminación do santuario da Barca; Ponteceso habilitará un aparcadoiro de autocaravanas en Corme; Vimianzo creará unha ruta de sendeirismo polos Penedos de Pasarela e Traba, e en Zas crearán e homologarán a Ruta da Auga.

Na comarca do Barbanza repartiranse 175.118 € en axudas. Boiro adecuará o estacionamento na praia de Barraña e sinalizará o percorrido da Ruta Xacobea Mar de Arousa-Río Ulla; Carnota embelecerá e sinalizará recursos turísticos; Muros mellorará a accesibilidade á praia de Ventín; Noia substituirá o alumeado da igrexa de San Martín; Outes sinalizará recursos naturais e patrimoniais; Porto do Son habilitará aseos adaptados e o servizo de socorrismo na praia de Ornanda, e Ribeira mellorará o acceso a Pedra da Ra.

No Deza, Silleda sinalizará as fervenzas de Santa Mariña e Férveda (27.689 €); A Estrada mellorará a sinalización turística do municipio (30.000 euros) e Lalín instalará iluminación ornamental no Pazo de Liñares (por importe de 27.511 €).

Na comarca de Caldas, o Concello de Catoira creará un itinerario peonil e mellorará a sinalización das Torres do Oeste (22.273 €), e Valga fará accesibles e sinalizará as praias da área recreativa de Vilarello.