Mirás leva as posibilidades do turismo de Oroso a Portugal

Participou co concello irmán de Góis no día do municipio // Alí expuxo os beneficios do Camiño Inglés e o centro de estudos
Marcos Manteiga
En primeiro termo, a presidenta da Cámara de Góis, María Lurdes Oliveira, e Mirás. Foto: CO

Manuel Mirás, alcalde de Oroso, participou onte no concello luso de Góis no Día do Municipio, aproveitando ademais a súa estancia en Portugal para promocionar o patrimonio natural do termo coruñés e do Camiño Inglés.

Previamente, Mirás tomou parte nunha primeira reunión en Figueira da Foz con representantes dos concellos da zona e outros colectivos sociais, co obxetivo de presentarlles o potencial turístico e gastronómico orosán.

Deste xeito, asistía ao Día do Municipio de Góis, concello irmandado con Oroso. Estivo nos actos centrais da conmemoración, onde protagonizou unha das intervencións. A relación entre Oroso e Góis e moi estreita, con moitas vías de colaboración abertas. Xa pola tarde, o mandatario municipal tiña prevista unha nova reunión con alcaldes e alcaldesas de Portugal Centro, moi interesados en Oroso e no Camiño Inglés.

“Unha vez máis, estou moi satisfeito pola boa acollida que tivemos. Oroso está hoxe en día no mapa turístico”, asegura o alcalde, que sostén que “nos últimos anos, aumentou moito o grado de coñecemento e o interese polo noso concello en Portugal”.

Ademais da gastronomía e a natureza, Oroso é cada día máis coñecido polo seu papel na revitalización do Camiño Inglés. De feito, Mamuel Mirás é o presidente da Asociación de Concello do Camiño Inglés. O grupo de goberno orosán está desde hai anos moi activo en todo o referente ás peregrinacións, ata o extremo de abrir o único centro de mundo adicado ao estudo dese sendeiro medieval que procedía da Coruña e Ferrol para rematar en Santiago de Compostela: o CEICI (Centro de Estudos e Investigación do Camiño Inglés).

Hai que lembrar que o pasado mes, preto dun cento de persoas, entre autoridades, artistas e veciños, déronse cita en Góis para asistir á inauguración dunha nova edición do certame internacional GóisOrosoArte (que chegará a Sigüeiro no vindeiro mes de setembro como é habitual).

A citada mostra foi inaugurada pola presidenta da Cámara de Góis, María Lurdes Oliveira Castanheira, e por Mirás, destacando “a calidade das obras e a importancia de estar hoxe todos xuntos”.