Noia logra manter a salvo do picudo as palmeiras dos xardíns municipais

Tamén saneou o gran magnolio que perdera en febreiro unha rama de case 4 toneladas
Suso Souto
TRATAMENTO. Operarios aplicando o tratamento. Foto: C.

Noia. O Concello de Noia continúa un ano máis coa súa campaña preventiva contra o picudo nas árbores de titularidade municipal, posta en marcha no ano 2016 e que permite que todas elas estean nun correcto estado sanitario. O martes procedeuse a aplicarlle este tratamento fitosanitario ás palmeiras da alameda, algo que se fai tres veces ao ano.

A concelleira de Parques e Xardíns, Mariola López Cierto, explicou que “fomos dos primeiros concellos en actuar contra o picudo e levamos case catro anos tratando as palmeiras e comprobando que o tratamento ten unha gran eficacia. Sabemos que noutros municipios están asoladas por dito insecto pero, grazas a estas actuacións preventivas, as que están na alameda noiesa, nos xardíns de Felipe de Castro e no IES da localidade están en perfecto estado”.

A maiores, procedeuse tamén á poda e tratamento, por parte dunha empresa especializada, do magnolio dos xardíns de Felipe de Castro, que o pasado mes de febreiro perdera unha gran rama, de entre 3 e 4 toneladas de peso.

“O obxectivo desta actuación era compensar o peso da árbore, evitar máis roturas e volver a tratar novamente a ferida producida en febreiro”, explica a edil.

Por outra banda, o concelleiro de Cultura, José Pérez Martínez, comunicou que a biblioteca municipal reábrese novamente, de luns a venres, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00. Para acudir hai que pedir cita previa a través do email:noiarbgalicia@eidolocal.es, pois hai control de aforo e só se pode atender a 25 persoas ao día. As actividades que presta a instalación nesta fase 1 son: préstamo e devolución de libros, consulta en sala e información bibliográfica.

Atendendo a esta situación especial tomáronse en conta medidas de precaución en canto a seguridade e saúde, así que os interesados en acudir a este servizo terán que seguir unhas pautas. s.s.