Sentida homenaxe dos bombeiros de Arzúa a Bruno García Mallo

Uníronse tamén a dor institucións, grupos políticos, compañeiros e outros colectivos
Alba Prada
Os bombeiros de Brión uníronse á homenaxe. Foto: C.B.

Arzúa. Bruno García, xefe do parque de bombeiros de Arzúa, falecía o pasado mércores cando volvía de facer labores de desinfección no cárcere de Teixeiro. A noticia causaba gran conmoción entre o colectivo, entre as institucións e os distintos grupos políticos, dado que Bruno García levaba tres décadas ao servizo de Emerxencias. En Ordes foi un dos fundadores do equipo de Protección Civil e en Arzúa levaba xa 17 anos ao fronte do parque de bombeiros.

Como acto de homenaxe, onte membros de Protección Civil, ambulancias, Policía Local e os bombeiros de Arzúa fixeron soar as sereas. Coincidindo co seu indicativo persoal que era o 601, realizouse o acto á unha do mediodía, ao que se uniron todos os parques pertencentes ao GES, entre eles o de Brión.

Numerosos grupos políticos, institucións e compañeiros de profesión deixaron constancia do seu pesar a través das redes sociais. O presidente da Deputación uniuse a dor e mandou unha mensaxe de ánimo á familia e os amigos do falecido.

Dende o comité de empresa do consorcio provincial aclaran que a nota difundida sobre a falta de desfibriladores foi xestionada por persoal alleo a dito órgano. A.P.