Silleda recibe da Unión Europea unha axuda de case 700.000 euros

Permitirá humanizar a rúa Progreso, que é unha das arterias principais do municipio
Alba Prada
Casa consistorial de Silleda.

Silleda. O Concello de Silleda vén de recibir a confirmación da concesión dunha axuda da UE por importe de 681.593 €, a través da convocatoria de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do programa operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020.

Esta axuda, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), presentouse para a financiación do 80 % do investimento proposto, para a remodelación integral da rúa Progreso de Silleda, tendo en conta cuestións coma o aforro enerxético e a redución de emisións de CO2. A administración local encargará nos vindeiros días a redacción do proxecto, “que estará aberto ás opinións da cidadanía, respetando as propostas do Plan de Mobilidade Urbana Sostible e tende en conta o aforro enerxético”, indica o alcalde silledense, Manuel Cuiña.

A proposta presentada á convocatoria recolle na memoria remitida para a subvención un avance da remodelación, con plataforma única e beirarrúas máis amplas, limitando o tráfico a 30 quilómetros por hora e deixando estacionamento só por unha marxe, ademais de renovar pavimentos, mobiliario urbano e farolas. Estase a negociar cos donos a dotación de zonas para aparcar. A. P.