Busca converterse nun dos pobos escollidos polo proxecto Smart Rural 21, que proporcionará aos participantes axuda para facer fronte aos retos do rural // Terá unha duración de dous anos e medio e serán seleccionados dezasete TEXTO A. Prada

Vedra preséntase candidata a ser unha aldea intelixente

Alba Prada
Ponte de Gundián, unha das construcións máis emblemáticas do municipio vedrés. Foto: C. de Vedra

A perda de poboación, e o consecuente envellecemento, son os maiores problemas aos que se enfronta o rural. A falta de oportunidades laborais fai que as aldeas sexan moi pouco atractivas para a xente nova, que non dubida en asentar a súa vida nas cidades. O Concello de Vedra é moi consciente desta situación e por iso, unha vez máis, non dubidou en “ser atrevido” (como di o rexedor Carlos Martínez) e artellar estratexias dirixidas a frear a despoboación.

Neste sentido, veñen de presentar a súa candidatura ao proxecto europeo Smart Rural 21: estratexias para pobos de Europa e da España baleira. Trátase dunha iniciativa na que se seleccionarán 17 municipios rurais de toda Europa que recibirán asesoramento e apoio técnico para o desenvolvemento de estratexias intelixentes que solucionen na medida do posible os retos do rural no século XXI. Vedra preséntase coa convicción de estar dotada das “características idóneas para converterse nun pobo intelixente”, sentencia o alcalde ao respecto.

Dito proxecto é unha iniciativa cunha duración de dous anos e medio, coordinada polo Grupo E40, co apoio da Comisión Europea. Nace da falta de oportunidades no mundo rural debido ao éxodo crecente e ao abandono das aldeas, algo que xera un inevitable desabastecemento de bens e servizos, un declive socioeconómico e o envellecemento poboacional.

Deste modo, o seu obxectivo non é outro que promover o desenvolvemento e a implementación de estratexias de smart village en Europa a través do intercambio de coñecementos e un enfoque integral e participativo na planificación. Do mesmo xeito, permitirá obter conclusións e apoiar as futuras intervencións da PAC (Política Agrícola Común) na rede de smart villages resultante. Segundo explican os membros do Grupo E4O, os interesados no Smart Rural 21 tiveron ata o pasado 11 de maio para presentarse, e está dirixido aos pobos que precisan apoio, ideas e inspiración para converterse en territorios intelixentes, con líderes comprometidos, capacidade humana suficiente para levar a cabo a iniciativa e abertos ao intercambio de coñecementos e á cooperación con outras aldeas. Valórase, segundo sinala dito grupo, a capacidade técnica básica, incluída a conectividade de banda ancha, e a existencia de ideas ou proxectos iniciais.

Serán escollidos un total de 17 municipios europeos para recibir asesoramento e apoio técnico. Ata o momento elixíronse cinco pobos situados en Irlanda, Finlandia, Francia, República Checa e Grecia, mentras que os doce restantes iranse seleccionando ao longo deste mes. Os participantes do programa beneficiaranse da orientación de expertos en solucións de smart village, visitas a outros pobos intelixentes, intercambio de coñecementos a través dos eventos da Academia Smart Village e dunha maior visibilidade a nivel europeo.

Por certo que o Grupo E40, coordinador do Smart Rural 21, é unha consultora internacional centrada no desenvolvemento rural, rexional e socioeconómico, cun forte enfoque na participación das partes interesadas, de abaixo cara arriba, nos procesos políticos.