Volve a animación e a formación ao Melga coas visitas guiadas

Alumnos dun curso de monitores de tempo libre foron os primeiros despois do peche
José M. Ramos
Visita de nenos e nenas de Vimianzo ao Melga. Foto: R.P.

Ponteceso. As salas do Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), ubicado en Ponteceso, volven a estar cheas de vida logo do confinamento grazas a unha nova tempada de visitas guiadas, que foi inaugurada semanas atrás por alumnos e alumnas do curso de monitores de tempo libre que se celebra en Cabana.

Ao longo das tres horas que durou a visita, tomaron apuntamentos eimaxes, e interesaronse sobre o mundo lúdico galego e do resto dos países. A maioría dos participantes eran profesores, alumnos universitarios e todos eles, incluída a súa profesora, María Martín, dispuxeron da máscara e gardaron as distancias de seguridade.

Nos últimos días o Melga recibiu tamén a un grupo de campistas do Furancho Deportivo do Concello de Vimianzo. Foi a súa primeira visita ao museo e tamén o primeiro campamento deste verán de 2020 que participou nunha visita guiada.

O grupo era moi heteroxéneo e conformábano vinte nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 11 anos, que acudiron acompañados das súas monitoras Jenny Lema e Vitoria Fernández.

Curiosamente, “ningún dos compoñenentes do grupos viñera aínda ao Melga, pero vendo o divertido que lles resultou a excursión, estaban seguros de repetir a activade en próximas datas”, sinalou o director do museo, Ricardo Pérez y Verdes.

Durante dúas horas e media os pequenos percorreron as instalacións escoitando atentamente as explicacións do guía e a maioría do tempo gozaron “xogando e coñecendo os xogos e deportes tradicionais galegos e do mundo”, engadiu. Aínda que o tentaron, non bateron ninguha marca das establecidas nos xogos planificados nas sesións lúdicas.

TELEVISIÓN. O Museo Etnolúdico recibiu tamén en días pasados a visita dun equipo da Televisión de Galicia para elaborar unha reportaxe sobra a actividade que desenvolve este espazo de lecer e aprendizaxe. A propia presentadora do espazo televisivo, Lara Santos, animouse a retar ao director do Melga en xogos como o do sapo, as peonzas, os embocabolas, a carreta, os zumbóns, tiratacos ou a mariola, entre outros. O documental, unha vez emitido na TVG, poderá verse tamén no museo. M. R. l.