Volve o Jazz ata o Pazo da Peregrina con Os Bregadiers e o Trío de Manuel Gutiérrez

Este festival chega o día 4 de xullo e con aforo limitado // Entre as novidades destaca o pasarrúas que arrincará en Bertamiráns
Música
Marcos Manteiga
Gutiérrez, pola esquerda, con Trillo, González e Martínez onte na presentación. Foto: C.D.A.

A capital maiá aposta polo jazz, e volverá a ter un festival propio que chegará na noite do sábado 4 de xullo ata os xardíns do Pazo da Peregrina de Bertamiráns e con aforo de 100 persoas. Este foi, precisamente, o marco elexido para presentalo por Natividade González, edil de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación; Xacobe Martínez, director artístico; Manuel Gutiérrez, músico, e Alvaro Trillo, músico e integrante dos Bregadiers (grupo que actúa xunto co trío de Gutiérrez). E este ano incluirase un pasarrúas.

Segundo lembraba a concelleira de Cultura, “hai uns meses nos reunimos María Vázquez, Inés Portela, Xacobo Martínez e máis eu, e a nosa aposta era moito máis ambiciosa, tiñamos previsto facer algo máis grande, pero tivemos que aprazalo para o ano... de todos os xeitos, imos poder desfrutar un ano máis dunha noite no Pazo con estes marabillosos músicos”, indicaba, subliñando que Ames Jazz supón outra forte aposta municipal pola cultura.

De seguido, Xacobe Martínez, director artístico, quixo “salientar a valentía do Concello de Ames, xa que é o terceiro ano desta mostra de jazz que eu creo que é unha das poucas por non dicir a única en galego”. Engadiu que “agora co tema do coronavirus estase potenciando a contratación de proximidade e pódese dicir que en Ames, nese sentido, xa se tiñan os deberes feitos, e dende o primeiro momento a aposta de Ames foi a de recuperar esta programación, axustándoa en tempo récord e coa boa vontade de todos”.

No seu turno, Manuel Gutierrez adiantou que “o que farei co meu trío é presentar os temas do último disco, que xa ten algo de tempo pero con todo este tema quedou un pouco atrasado”. Ademais, mostrouse “moi contento de vir a Ames, e de poder tocar outra vez con Paco Charlín e Iago Fernández, que son uns amigos cos que me apetece moito tocar e fai tempo que non nos vemos”.

E para rematar, Álvaro Trillo, integrante de Os Bregadiers, invitou á veciñanza amesá a asistir ao acto: “Somos unha banda moi divertida e moi elegante, así que non dubidedes en seguirnos no pasarrúas ata o escenario do Pazo da Peregrina porque o ides a pasar moi ben”, afirmou na súa comparecencia.

Ames Jazz 2020 presenta como principal novidade un pasarrúas do grupo Bregadiers, ás 21.00 horas na Praza do Concello, onde terá lugar unha pequena actuación antes de comezar a andaina polas rúas. Será as 21.15 horas, aproximadamente, cando dará comezo o pasarrúas ata a Praza da Maía. Nesta localización tamén se realizará outra pequena actuación, que dará comezo arredor das 21.25 horas, e xa ás 21.45 horas aproximadamente, e cando dará comezo o pasarrúas ata o Pazo da Peregrina, onde se realizará outra pequena actuación que comezará arredor das 22.00 horas. Os Bregadiers son experimentados músicos galegos que levan ás rúas músicas doutros países.