‘3 Caminos’, a grandísima aposta audiovisual para este Xacobeo

O proxecto galego, con millón e medio de Cultura, levará o Camiño desde mañá a 240 territorios con Prime Video
Xacobeo
Viviana López
Set da transmisión no Hotel Monumento San Francisco. FOTO: ladiapo.com

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou onte na rolda de prensa de presentación da serie 3 Caminos que se estreará mañá en 240 territorios e levará os valores do Camiño de man de Amazon Prime Video.

Trátase dun proxecto da produtora galega Ficción Producciones, que conta co apoio do Goberno autonómico a través dunha achega de 1,5M€ e que reflicte, tal e como salientou o titular de Cultura da Xunta, o bo momento que está a vivir o sector audiovisual galego.

Así, Román Rodríguez referiuse á serie como “a gran aposta audiovisual do Goberno galego polo Xacobeo 2021”, e puxo en valor o compromiso da Xunta co sector e os éxitos que os profesionais galegos están conseguindo tanto a nivel nacional como internacional.

En particular, felicitou ao equipo técnico e artístico da serie, e aos seus responsables, “por ser quen de culminar este proxecto en tempo, a pesares de que a pandemia interrompeu a rodaxe” no mes de marzo. Con “esforzo e determinación”, dixo, 3 Caminos “foi un dos primeiros proxectos audiovisuais que retomou a súa actividade tras a parada obrigada pola crise sanitaria respectando os protocolos sanitarios”.

O conselleiro lembrou que o sector audiovisual “sempre terá un aliado na Xunta para promocionar os seus proxectos”. Así o reflicte o apoio feito a 3 Caminos, que conta cunha achega de 1,5M€ por parte do Goberno galego a través dunha convocatoria creada polo Ano Santo para difundir os valores do Camiño e a imaxe de Galicia por todo o mundo.

Cómpre salientar tamén que a serie levouse a cabo cuns servizos de produción 100 % galegos e que o 80 % do persoal técnico procede da nosa comunidade. Ademais, estímase que o proxecto chegará a unha audiencia potencial duns 200 millóns de persoas.

A adxudicataria desta convocatoria pública impulsada pola Xunta foi a empresa galega Ficción Producciones, que acadou a implicación de compañías internacionais referentes no sector como Amazon Prime Video e o grupo alemán Beta Films, ademais da CRTVG e coprodutores doutros catro países: Italia, Corea do Sur, México e Portugal, coa Radio Televisión de Portugal (RTP) e máis coa produtora Cinemate.

Precisamente, Román Rodríguez salientou a implicación internacional neste proxecto, o que permite “difundir os valores da Ruta Xacobea en novos mercados, así como atraer públicos diversos da man dalgunhas das compañías máis recoñecidas no audiovisual”.

Ademais de colaboradores internacionais, o proxecto conta cun elenco de primeiro nivel protagonizado polos actores Álex González, Cecilia Suárez, Verónica Echegui, Anna Schimrigk, Andrea Bosca e Alberto Jo Lee, protagonistas da historia que interpretan aos amigos de diferentes nacionalidades unidos polo Camiño de Santiago.