A Xunta impulsa 400 concertos en diferentes salas da comunidade

Estas actuacións forman parte da programación do Xacobeo 2021
Sandra Cuiña

Santiago. Máis de 400 concertos en 28 espazos diferentes serán posibles grazas a adxudicación da convocatoria extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público.

A convocatoria da Xunta, cun investimento de 560.000 euros e inserida no marco do Xacobeo 2021, responde á implicación do Plan de reactivación da cultura fronte á COVID co obxectivo de lle achegar liquidez a este tipo de espazos, tanto para aliviar os efectos económicos do seu peche por mor das restricións aplicadas durante a pandemia, como para retomar a súa actividade.

Con tal fin, destínanse 20.000 euros a cada unha das salas subvencionadas para o desenvolvemento dun mínimo de quince actuacións ao vivo ata o 31 de outubro como parte da programación musical do Xacobeo 2021, ademais de para asumir os custos de persoal e mantemento de todos locais.

Os espazos adxudicatarios son Dux, Filomatic, Garufa Club, Inn Club, Mardi Gras e Pelícano da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSon de Cangas, Sala LaRoom e Sala Ruído de Ferrol, A Ventana de Laxe, Sala Gatos de Melide, Sala Guión de Pontedeume e Casa das Crechas, Moon Music Club, Riquela e Sala Sónar de Santiago.

Deuse así resposta a todas as solicitudes que cumprían os requisitos esixidos, entre os que se atopaba o da habilitación como sala de concertos, sala de festas ou café-espectáculo, de conformidade coa definición recollida no Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público (Decreto 124/2019, do 5 de setembro), ademais de como café-concerto, café categoría especial ou tablao flamenco, segundo o Decreto 292/2004, do 18 de novembro.

Este apoio por parte do Goberno autonómico, enmarcado no Plan de reactivación da cultura da Xunta que viu incrementado o seu orzamento este ano en 23 millóns de euros, busca contribuír á recuperación da actividade e preservar o emprego no conxunto do sector, tanto desde o punto de vista artístico como técnico.

UN XEITO DE QUE A XENTE RECUPERE A CONFIANZA E VOLVA AOS ESPECTÁCULOS CULTURAIS. Tamén se pretende recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos, garantindo a seguridade en teatros, auditorios e demais recintos, en cumprimento estrito das medidas sanitarias en vigor.

Neste caso, o Goberno galego recoñece con esta iniciativa o papel fundamental das salas privadas de concertos para o sector musical, tanto na súa condición de impulsoras de numerosas carreiras de solistas e grupos, como pola función de centros de dinamización cultural das súas respectivas localidades.

A Xunta continúa así a lle dar resposta á situación pola que atravesan os profesionais e as empresas musicais con motivo da evolución da pandemia, sumándose a outras iniciativas xa postas en marcha. A adxudicación está dispoñible para a súa consulta na web do Departamento de Industrias Culturais da Xunta de Galicia.

De momento, segue sen saberse se os grandes concertos e festivais como O Son do Camiño previstos para este ano se van celebrar. s. cuiña