Acto de entrega dos Premios Minerva a unha ducia de estudiantes galegos

O catedrático Ramón Villares foi o mantedor desta edición e destacou o futuro que teñen por diante estos rapaces // Prol mencionou a calidade dos traballos
Sandra Cuiña
Os galardoados e participantes no acto de entrega dos Premios Minerva deste ano. Foto: Colexio Manuel Peleteiro

O Colexio M. Peleteiro acolleu onte a edición número 49 dos Premios Literarios Minerva. No salón de actos e coas medidas de seguridade oportunas, déronse cita membros directivos do centro e da organización do certame, o concelleiro de Educación de Santiago, Ruben Prol, os galardoados, familiares e unha pequena representación dos centros educativos premiados. O acto estivo presentado por un estudante de 2º de Bacharelato, quen deu a benvida e dirixiu a entrega de premios. O mantedor Ramón Villares, catedrático de Historia da USC e membro da Real Academia Galega, dedicou unhas palabras ó público.

Villares comezou a súa intervención lembrando a orixe do colexio Peleteiro como Academia Minerva e tamén falou da celebración das Festas Minervais “como o viveiro onde se creou unha xeración literaria”.

Non se esqueceu de Cunqueiro como referencia e amosou a súa satisfacción por “participar e así contribuír nunha festa da poesía e da literatura dedicada a propia deusa da sabedoría”.

Villares falou da educación experimental e interiorizada, non memorística. “Atreverse a saber e a aprender, a educación nos axuda a facer preguntas, como parte do proceso de formación integral do individuo”, dixo.

Tamén mencionou que nos traballos premiados atópanse tópicos como os de descubrir a vida, o amor, a vontade de construír o futuro. “E eu celebro que haxa esta emulsión poética nestas obras”.

Dirixíndose ós rapaces dixo que “é moi difícil saber o que un é con tan pouca experiencia, pero tedes esperanza e expectativas postas en que o futuro sexa distinto e sodes capaces de amosar a vosa experiencia. Anímovos a que esa experiencia se vaia convertendo nas expectativas que tedes, ata que se crucen”.

Finalmente, fixo referencia ó feito representativo da presenza de maioría de mulleres entre os gañadores: “As mulleres creadoras están construíndo un canon literario diferente, tendo nun pedestal a unha muller, Rosalía de Castro, emblema do sistema literario galego contemporáneo. Isto revela que a historia muda”, concluiu.

Os rapaces foron subindo ao estrado para recoller o seu diploma, premio económico e a medalla de prata. Ademais tiveron a oportunidade de amosar anacos da súa obra, cada un deles leu un pequeno fragmento elixido previamente, logo do que recibiran o recoñecemento do público. O acto rematou cunhas verbas do concelleiro de Educación, Mocidade e Políticas Lingüísticas de Santiago, Rubén Prol, quen destacou a importante contribución dos Premios Minerva as letras galegas e a calidade das obras dos premiados na edición deste ano, marcada pola crise do coronavirus

santiago@elcorreogallego.es