Ángeles Goás expón na galería Campus Stellae

Sandra Cuiña
Unha das obras que exporá a lucense Ángeles Goás

Para ver. Ángeles Goás expón as súas pinturas abrigadas polo título #Debuxanconpalabras na galería Campus Stellae, de Santiago (Praza da Quintana, nº3), do 15 de abril ao 6 de maio. A inauguración será este xoves, ás 19.15 horas, e a autora estará acompañada polas narracións de Vero Rilo e Dani Blanco. Goás contará tamén os vindeiros xoves do tempo da exposición a esa mesma hora, 19.15, horas coa colaboración de diferentes artistas (Faia, Caxoto, Gom de Abadim, Sofía Espiñeira, Celso F. Sanmartín e Paula Carballeira) que a acompañarán para poñer uns petiscos de contos ou música. Esta é a terceira exposición da pintora luguesa (de Abadín), asentada en Compostela dende o ano 2006, que busca contar e contarse a través das imaxes e das palabras. Despois de probar outras técnicas, agora decántase pola acuarela e a tinta. A súa pintura vai moi marcada pola sensibilidade de cara ao feminino e á lingua e tamén pola súa faceta de narradora oral, o que fai que se mova dende hai uns anos no mundo das artes escénicas con participacións en festivais como Terra Incógnita en Lisboa, Festival Atlántica, De perto ou Nit de Contes en Beneixama. Mulleres como Rosalía de Castro forman parte da súa obra nestra mostra. Para ela a pintura é unha maneira de escapar da rutina e de mergullarse no seu mundo interior. s. cuiña