O instituto Rosalía de Castro acolle hoxe un programa feito polos alumnos para presentar os III Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez // Falecido en Santiago en 1965, foi un dos pioneiros da comunicación en Galicia TEXTO Sandra Cuiña

‘O vello dos contos’ volve á carga nas ondas radiofónicas

Sandra Cuiña
Unha imaxe da primeira homenaxe a Xosé Mosquera Pérez, caracterizado como ‘O vello dos contos’

Para celebrar o Día Mundial da Radio, que se conmemora mañá, e lembrar a un dos pioneiros deste medio en Galicia, hoxe ás 11.00 horas realizarase un programa de radio no IES Rosalía de Castro co alumnado para a presentación e a convocatoria dos III Premios Internacionais de Podcasts Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos.

Neste programa conmemorativo do Día Mundial da Radio, contarase coa presenza dos organizadores e alumnado de 3º da ESO, que vai entrevistar a Darío Gil Arias, o fillo de Xela Arias, a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas; e a Loliña Mosquera, a flla de Xosé Mosquera Pérez, un dos pioneiros da radio en Galicia, na lingua da comunidade. Este persoeiro acadou grande sona a través dos micrófonos de Unión Radio Galicia.

Mosquera Pérez (Santiago de Compostela, 1895-1965) militou no Partido Galeguista e defendeu o Estatuto de Autonomía de Galicia. A emisora Unión Radio Galicia de Santiago, onde unha placa lembra a súa figura na rúa do Franco, radiou os seus contos populares entre 1933 e 1936. Ademais, foi redactor na posguerra do xornal La Noche.

Os III Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez, O vello dos contos, que contan con máis de 1.000 euros en premios, son unha iniciativa deste instituto compostelán e de Arraianos Producións, en colaboración con Ponte nas Ondas, para a promoción do galego e o fomento das novas tecnoloxías nos centros educativos de Galicia e Norte de Portugal, a través da organización dun certame escolar de podcasts de carácter internacional.

A iniciativa conta tamén coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e outros colectivos que traballan nestes eidos, como Oral de Galicia, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Radio Galicia, a Fundación Antonio Fraguas, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.

Os obxectivos destes premios son promover a lingua e a cultura galega e portuguesa nos centros educativos; fomentar unha imaxe positiva e actual da lingua mediante a súa vinculación coas novas tecnoloxías da información e da comunicación; así como favorecer o uso da lingua entre a mocidade en ámbitos asociados á oralidade. Tamén teñen como fin incentivar a produción e difusión de material audiovisual en galego e portugués, fortalecer os vínculos coa lusofonía e mostrarlle á mocidade a importancia destes.

AS BASES DO CONCURSO. Poderá concorrer o alumnado de 10 a 18 anos dos centros de ensino de educación Primaria (de 5º e 6º curso) e de Secundaria de Galicia, así como doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia.

Tamén poderá participar o alumnado do Norte de Portugal. Nesta edición, aceptaranse podcasts orixinais e inéditos relacionados coa vida e a obra de Xela Arias, persoa a quen se lle adica o Día das Letras Galegas de 2021, e outros aspectos relacionados co patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e Norte Portugal. Cada podcast terá unha duración máxima de tres minutos. Admitiranse obras orixinais e inéditas, individuais ou colectivas, en lingua galega (segundo a normativa ortográfica vixente publicada pola Real Academia Galega) ou portuguesa (segundo o novo acordo ortográfico). A música e os efectos sonoros que se empreguen deberán ser orixinais, estar libres de dereitos ou ter licenza de uso para este fin educativo. As obras difundiranse baixo a licenza Creative Commons, que combine as propiedades “recoñecemento”, “non comercial” e “compartir igual”.

A solicitude de participación formalizaraa o director ou directora do centro educativo antes do día 4 de marzo de 2021, día do cabodano de Xela Arias, mediante un correo electrónico enviado ao seguinte enderezo: certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org. No asunto indicarase Premio Xosé Mosquera Pérez e o nome do centro. Os traballos participantes, unha vez rematados, deben ser enviados por correo electrónico ao seguinte enderezo: certameradiofonico@iesrosaliadecastro.org.