Recoñecemento a 25 anos de profesión

O decano Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal, destacou “o traballo realizado desenvolvendo unha tarefa fundamental para que o sistema xudicial funcione”, e demandou aos novos profesionais “respecto ao código deontolóxico”
Redacción

O Colexio de Avogados de Santiago celebrou un acto no pazo de Fonseca para recoñecer o traballo dos e das profesionais que levan 25 anos de exercicio na avogacía. Houbo tamén unha xura de novos letrados e letradas.

Na súa intervención no acto, o decano do colexio, Francisco Rabuñal, destacou “o traballo realizado nestes 25 anos polos avogados e avogadas, desenvolvendo unha tarefa fundamental para que o sistema xudicial funcione”, demandando aos novos profesionais que xuraron “respecto ao código deontolóxico”. Rabuñal amosou a súa satisfacción “por poder facer de novo un acto, aínda que sexa con limitacións”, e tivo un recordo para os avogados e avogadas colexiadas que faleceron desde o comezo da pandemia.

Acompañaron ao decano na presidencia do acto a vicedecana, Carmen González Ferro; Manuel Martín, secretario da xunta de goberno, e a deputada Patricia López Arnoso. Manuel Silva Constela foi o encargado de falar en nome dos avogados e avogadas que cumprian 25 anos de profesión.