segunda parte. Continuamos co percorrido por algúns dos edificios contemporáneos máis impactantes da capital de Galicia que son dignos de admirar e gozar TEXTO Xavier Cea

Un paseo polo ‘outro Santiago’

Arquitectura
Xavier Cea
Facultade de Ciencias da Educación

Ver aquí o traballo coa relación completa de edificios destacados. O ‘art nouveau’, igual que otros estilos arquitectónicos, tivo o seu momento en Compostela. Gracias a arquitectos como Jesús López de Rego, a cidade está salpicada de fermosas pezas que desde principios do século XX aluden sen equívocos ao modernismo. Na travesa da Universidade, preto da praza de abastos ou a facultade de Historia e diante da estatua de Alfonso II hai un edificio residencial modernista construído en 1906 por Manuel Hernández, vistoso pola súa bufarda acristalada e chamativo pola galería e carpinteiría exterior azulonas, de gran contraste coa tonalidade en xeral pétrea da zona vella da cidade. Subindo polas Casas Reais, a man dereita, a Casa de Cotos, construída en 1913 polo arquitecto vigués José Franco Montes, marca o mesmo estilo. Ten tres plantas, a máis baixa de pedra e a máis alta abufardada e revestida de pizarra. Portal interior tamén ‘art nouveau’, con portas de madeira. O paseante encontrará outros similares, con decoración xeomátrica e floral, na Rúa Preguntoiro, na Senra ou no Pombal. Este último, situado no número 32, foi construido polo arquitecto Jesús López de Rego en 1917 para o escultor López de Pedre. É unha casa coroada por un touro con cabeza humana e as súas ventás están abrazadas por grandes aves. Tamén é de corte modernista o pavillón de dormitorios do asilo da Rúa Carretas, branquísimo, ou a Casa das máquinas de Fenosa, na Rúa Galeras, un edificio de uso industrial obra tamén de López de Rego e moi deteriorado, polo que tivo que ser apuntalado e reforzado nas súas paredes, pero xa rehabilitado. Outra ruína é o Pazo do Espiño, do mesmo arquitecto, unha construcción grande e ostentosa instalada nun enclave privilexiado, en medio da vexetación da Finca do Espiño, e en permanente espera de ser rehabilitada. No paseo da Ferradura da alameda, moi xuntos, hai otros dous edificios Art Nouveau en bo estado de conservación, o Pavillón de recreo e a Casa de Ramón Núñez.