Videoinstalacións da Costa da Morte e de Tokio na mostra da Casa do Cabido

Lois Patiño e Jorge Perianes inauguraron onte exposición // Os espellos son os protagonistas de ‘Dobre Quadratura’ // Enxalza o espírito barroco do edificio
Sandra Cuiña

A Casa do Cabido, na compostelá praza das Praterías, acolle a exposición Dobre Quadratura, con instalacións dos artistas Lois Patiño e Jorge Perianes.

Tal como indica a comisaria, Mercedes Rozas, “trátase dunha mostra que enxalza o espírito barroco da Casa do Cabido, auspiciando a idea do misterio que se oculta tras o pano pétreo da súa fachada. E, como na vella técnica pictórica da Quadratura, na que o engano artístico (trompe-l’œil) propiciaba que as figuras flotasen elevándose nun imaxinario ascenso cara ao firmamento, os dous artistas, Lois Patiño e Jorge Perianes, interveñen o espazo das salas, creando o seu singular acto escénico”.

A mostra conta con dúas videoinstalacións da Costa da Morte e de Tokio. “En Unha habitación para a noite Lois Patiño xoga co lirismo, o silencio da noite e a intimidade custodiada polas sombras. Unha das videoinstalacións lévanos a unha paisaxe mariña nocturna observada desde grande altura. Aquí o único visible é a escuma e os brillos ingrávidos das ondas. Estamos ante un mar evocador como é o da Costa da Morte. Ondas que arrastran consigo séculos de memoria. Recordos do mar que estalan sobre as rochas”, explica a comisaria da mostra.

A outra videoinstalación nace dunha estancia que o artista levou a cabo na cidade de Tokio no ano 2019. “A distancia e a noite transforman aquí a axitación desta megalópole insomne nunha experiencia contemplativa. Todo elemento material da cidade é absorbido pola escuridade. Todo ruído visual, calmado. Luces de rañaceos ou trens luminosos voan como vagalumes ou como estrelas fugaces: pegadas de luz bailan na noite”, apunta Rozas.

Pola súa parte, Jorge Perianes rastrexa no reflexo do espello “o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e perdas, as súas preguntas e respostas. Presenta este proxecto expositivo en conexión clara coa liña argumental que vén definindo a súa obra desde hai xa uns anos: a circunvalación do ser. E que mellor elemento para indagar e cuestionar ao ser humano que o rei das vanitas: o espello”, sinala a comisaria.

“Buscando o contacto no reflexo, nunha volta de torca barroca, o autor toma a decisión, conceptual e estética, de que as salas funcionen como un espello en canto á estrutura que presentan, colocando sobre un falso chan distintas pezas, cadros e plantas. O espectador deberá transitar polo espazo para velas, e moverase ata onde a estrutura llo permita. As creacións terán así unha proximidade aparente, estarán case ao alcance da man, nun xogo que remite á esencia de gran parte da súa produción”, explica Mercedes Rozas.

A exposición Dobre Quadratura poderá visitarse na Casa do Cabido de martes a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, e os domingos de 11.00 a 14.00 horas. A entrada é libre e gratuita e hai que respetar as medidas sanitarias vixentes.

Os luns a Casa do Cabido está pechada ao público, polo que non hai visitas.

santiago@elcorreogallego.es