A exposición ‘As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia’, ata o 5 de abril

A Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña acolle a mostra que rende tributo a mulleres pioneiras da profesión
Xornalismo
María Abascal
Tras pasar por Pontevedra e Lugo, chega á Coruña coincidindo coa conmemoración, mañá, do Día Internacional da Muller. Foto: XdG

A exposición As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia pode visitarse ata o próximo día 5 de abril na Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña.

Promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade para poñer en valor o traballo das precursoras galegas no ámbito da comunicación e a súa loita a favor da equidade laboral, a mostra está a percorrer diferentes cidades desde febreiro do ano pasado, cando estreou a súa andaina en Ourense.

Tras pasar por Pontevedra e Lugo, a exposición chega á Coruña coincidindo coa conmemoración mañá do Día Internacional da Muller. Xornalistas, escritoras, mulleres comprometidas de varias xeracións conforman a mostra, que está estruturada por un conxunto de paneis que dan conta das vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

Nesta mirada desde a historia hai espazo para varias coruñesas. Así se recollen as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como outra coruñesa, Mª Luz Morais, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais á cullerdense Sofía Casanova, correspondente de guerra e a Virginia Felicia, coruñesa coñecida como A raíña do folletín.

Completan o elenco de homenaxeadas nesta exposición a xornalista Concepción Arenal; as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa. Na colección móstranse, de maneira visual e didáctica, diversos aspectos das súas traxectorias, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

O Goberno de Galicia persegue, así, con esta iniciativa que toda a sociedade, especialmente a mocidade, coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. Tamén serve para recoñecer o papel de mulleres referentes na profesión xornalística galega, que contribuíron en cada momento á modernización política, social e cultural a través dos seus escritos e das súas voces.