A RAG profunda durante esta semana na obra poética de Florencio Delgado Gurriarán

Diferentes voces afondan na produción literaria do escritor de Valdeorras no novo capítulo da serie producida pola institución
Día das Letras Galegas
Luis Montero
Xosé A. Perozo, esq., e César Fernández na presentación da Semana Escolar das Letras Galegas.

O mes de maio arrinca cheo de versos do protagonista do Día das Letras Galegas 2022, tamén dende o audiovisual. A Real Academia Galega estreaba este xoves o cuarto episodio da serie documental Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, unha entrega centrada na poesía do autor valdeorrés que descobre unha traxectoria poliédrica que abrangue dende unha sensualidade unida á paisaxe do viño da súa terra, Valdeorras, ata a poesía satírica antifranquista e, xa dende o exilio, un feixe de poemas singulares na literatura galega que fan súa a forza tímbrica do léxico náhuatl e a musicalidade do son mexicano. O episodio pode verse en academia.gal e na canle de Youtube da RAG.

O crítico literario e escritor Miro Villar, autor de Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, divide en tres etapas a produción poética de Florencio Delgado Gurriarán: a da poesía de preguerra, debedora do hilozoísmo de Amado Carballo e na que destaca o seu primeiro libro, Bebedeira (1934); a da poesía de combate, con composicións moi belixerantes e satíricas contra os golpistas, algunha delas sobre o propio Franco, e a do poeta que emerxe décadas despois, o Florencio de Galicia infinda, “o seu mellor libro”, segundo valora Miro Villar neste capítulo.

“En Bebedeira a natureza sae por todos os lados, unha natureza animada”, resume o docente e escritor Julio Pérez Veiga, outra das voces que ganduxan este percorrido pola poesía do autor. “Estanos a trasladar a paisaxe [de Valdeorras] a través do que el recibía dela: esas cores, eses cheiros, esa luz que despois reflicte nos seus poemas”, engade a directora do proxecto As Letras de Florencio, a filóloga Débora Álvarez Moldes.

O presidente da RAG incide noutro elemento clave na obra que inaugura o legado bibliográfico de Florencio: a sensualidade, expresada a través dun universo no que a boca da amada sabe a garnacha. “É un libro da alegría de vivir, da reivindicación e da afirmación da sensualidade da vida, do amor, dos costumes e das tradicións da terra de Valdeorras. Por iso se titula Bebedeira”, apunta Víctor F. Freixanes.

A segunda etapa do autor está marcada polo golpe de Estado, aínda que con anterioridade a xullo de 1936 xa cultivara a poesía política, matiza o académico Xesús Alonso Montero.

O poeta máis plural e completo aparece nas páxinas de Galicia infinda, editado dende Vigo por Galaxia no ano 1963, cinco antes da súa primeira viaxe ao país dende o exilio.

“Hai unha serie de temas neste libro que o fan unha xoia literaria no conxunto da súa obra”, sentencia Miro Villar ao respecto. Entre eles, unha mestizaxe galegomexicana que abrangue dende as paisaxes ata a lingua.