A TVG visitará co ‘Galicia está de festa’ algunhas das celebracións senlleiras

Asistirá ao lanzamento do Globo de Betanzos, á cita coa auga en Vilagarcía e a Monforte
El Correo Gallego

Santiago. A Televisión de Galicia segue hoxe, en directo, a estela da gran cantidade de festas que se celebran estes días de lecer polo noso país adiante, coa emisión do especial Galicia está de festa. Presentado por Noelia Rey, percorrerá as celebracións máis salientables dunhas xornadas cheas de xolda por practicamente todos os concellos.

Desde a tradición ata os festexos relixiosos e pagáns, trátase dunhas xornadas con moito seguimento en Galicia. Por iso, de entre todas, a Galega intentará dar cobertura ás festas máis senlleiras.

Este martes á noite, Noelia Rey daralles a benvida aos espectadores da TVG desde Betanzos, onde a presentadora vivirá en directo o emocionante lanzamento do tradicional Globo de Betanzos, o punto álxido das festas de San Roque para os betanceiros.

Na compaña da reporteira Belén Vara, darase conta do que aconteza na noite máis importante do ano nesta vila.

Deste xeito, coñecerase todo o referente ao globo de papel máis grande do mundo e ás súas orixes.

Pero, ademais, o equipo de Galicia está de festa amosará unha grande escolma de celebracións que teñen lugar todos os 15 e 16 de agosto, como é o caso da Festa da Auga do San Roque de Vilagarcía de Arousa, outra das citas festivas destacadas á que acudirán as reporteiras do programa, xunto ás tradicionais Danzas de San Roque do Hío, no concello de Cangas.

Galicia está de festa completa a súa ampla oferta de propostas nestas datas, coas celebracións da Virxe de Montserrat de Monforte de Lemos, as festas do concello ourensán de Padrenda, as da Peregrina de Pontevedra, as de María Pita na Coruña, as patronais de Cambre e a exaltación do polbo de Bueu.

Festival Ikfem. No espazo A revista, a presentadora Loly Gómez, que hoxe está apoiada pola bióloga e colaboradora Xiana Albor, coñecerá nunha conversa con Andrea González as propostas do Festival Ikfem –International Keyboard Festival and Masterclass-, que esta semana comeza a súa décima edición entre as cidades de Tui e Valença.

A pianista e creadora deste certame internacional de teclado avanzará o atractivo calendario de eventos musicais e formativos que se poderán gozar desde este venres.

Por outra parte, e fronte aos detectives privados do cinema, o avogado Alejandro Ríos desmitificará en A revista algúns dos estereotipos máis estendidos sobre todo o que ten que ver con esta profesión. Grazas á súa intervención no programa, coñecerase máis polo miúdo como desenvolve un detective o traballo de investigación e que tipo de encargos son os máis habituais na actualidade.

No magazine desta xornada de martes na canle autonómica falarase tamén de situación da cociña galega de vangarda, neste caso con Pepe Vieira, chef pertencente ao Grupo Nove, cuxo restaurante de Poio está recoñecido coa distinción dunha Estrela Michelin da famosa guía. ecg