O espazo da canle autonómica viaxará esta tarde ata centros de Tomiño, Áncora, O Rosal e Viana

Luis Montero
Algúns dos participantes no espazo ‘Meniños cantores’ do centro de O Rosal. Foto: CRTVG

Na cuarta entrega de Meniños cantores, o espazo da Televisión de Galicia viaxará a catro centros. O derradeiro capítulo desta serie documental comezará por Tomiño, onde unha alumna da edición de 2005 acode agora como triunfadora para amadriñar os rapaces. Trátase de Andrea Pousa e interpretarán unha preciosa versión de O tren de Andrés do Barro.

Meniños cantores cruzará a fronteira en dirección a Caminha. En concreto a Áncora, onde as crianzas terán preparada Nao me atires com pedrinhas, un tema tradicional onde o contrabaixista Jaime Álvarez será o padriño.

E volta á nosa comunidade, a visitar O Rosal. A eurovisiva galega Lucía Pérez será a madriña dun tema tradicional galego: O xastre coxo.

Para rematar o percorrido por centros educativos, chegarase a Viana e visitarase outro centro de educación especial, o APPACDM, acompañados polo grupo de Cavaquinhos de Outeiro e con Augusto Canario de padriño.

Para pechar todo este traballo itinerante, os padriños e madriñas de todas as localidades sorprenderán coa interpretación de Máis perto, o himno dos Meniños cantores.

O programa Vivir aquí centrarase este domingo nos problemas que pode causar a auga, cando é moita ou cando é pouca. Os/as reporteiros/as do espazo da TVG achegaranse a Lobios para percorrer o encoro de Lindoso, que a finais de 2021 estivo tan baixo que quedaron ao descuberto a maioría das construcións que foran asolagadas cando se construíu nos anos 90.

Os espectadores coñecerán a historia de Aceredo da man dalgúns antigos residentes.