Día das Letras Galegas de Carvalho Calero, o vindeiro 31 de otubro

O pleno extraordinario da RAG adiado polo estado de alarma terá lugar en Ferrol cadrando co 110 aniversario do nacemento deste autor
Día das Letras Galegas
Flora TouzónA Coruña
Carvalho Calero. Foto: RAG

A Real Academia Galega celebrará o sábado 31 de outubro o Día das Letras Galegas de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) en Ferrol, cadrando coa celebración do 110 aniversario do seu nacemento nesta cidade.

O pleno extraordinario da institución terá lugar a partir das 12.30 horas no teatro Jofre, onde o homenaxeado gozou dende neno dos espectáculos teatrais e do cinema. O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. A sesión poderá seguirse en directo a través de academia.gal.

sesión plenaria. A tradicional sesión do Día das Letras Galegas non puido celebrarse o pasado 17 de maio debido ás medidas adoptadas no marco do estado de alarma decretado por mor da pandemia de coronavirus. No seu lugar, a Real Academia Galega rendeulle homenaxe ao primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, escritor e académico ante á súa casa familiar de Santiago de Compostela, a cidade onde fora estudante, á que regresou en 1965 para se converter no primeiro profesor universitario de galego da Universidade de Santiago de Compostela e onde viviu en diante ata o seu pasamento en 1990.

na rede. Desta volta, o acto central das Letras Galegas terá lugar na cidade que viu nacer e medrar a Ricardo Carvalho Calero o 30 de outubro de 1910, e á que regresou tras a guerra civil antes de iniciar a súa etapa luguesa no ano 1950.

A RAG regresa así a Ferrol, onde o pasado mes de febreiro abriu o calendario de actos que lle dedica ao autor da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, onde presentou o proxecto Primavera das Letras, que fornece a través de Internet as familias e os centros escolares de contidos lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada.

En pleno confinamento, este espazo gañou un protagonismo especial xunto a outras iniciativas da Academia como a serie de micropezas audiovisuais Unha palabra para don Ricardo ou o Portal das Palabras.