Diálogo entre a poética de Xela Arias coa das novas voces galegas

O Consello da Cultura Galega presenta o recital ‘O equilibrio dos extremos’
// Unha ducia de escritores escollen un poema da autora de ‘Intempériome’
Día das Letras Galegas
María Abascal
Día da poesía. Os doce escritores que forman parte do recital que organiza o Consello da Cultura Galega. Foto: CGC

Hoxe, Día Mundial da Poesía, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta O equilibrio dos extremos, un recital que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias (Sarria,1962-Vigo, 2003), homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. Nel, doce escritores escollen un poema da autora de Intempériome que fan dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión.

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou que “é unha sorte de festa poética que por mor das circunstancias actuáis sería complicado realizar con público e que levamos á rede para darlle unha maior difusión”.

Está acompañado dunha videocreación elaborada pola produtora Miramemira a partir das novas obras creadas para este recital.

Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos son poetas que forman parte do proxecto O equilibrio dos extremos, que toma o seu nome dun poema da propia Xela Arias.

Todos eles comparten o feito de seren moi novos, nados a partir dos anos 80, que permite fusionar diferentes xeracións en consonancia coa personalidade da propia Xela. “Quixemos facer confluír neste abrente primaveral, o inicio dos actos de homenaxe do Día das Letras Galegas e facelo cun aceno ao espírito de Xela de atender ás vangardas e darlle unha oportunidade á xente nova de atoparse coa súa obra” apuntou a presidenta do CCG.

Un recital poético. No especial poden lerse e escoitarse os poemas de Xela Arias e os creados por esta ducia de poetas para a ocasión. Como non hai gravacións da propia Xela, son os novos creadores os que recitan, tanto a poema da homenaxeada como o que eles crearon.

As escollas son moi diversas e axudan a percorrer o legado poético da autora. Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997) seleccionou o poema sen título da obra Denuncia do equilibrio para propor Unha nova atea. Intempériome, poemario que acabou sendo o testamento literario involuntario de Xela Arias, é a obra que máis motiva a moitos destes novos creadores. Diferentes textos inspiraron a Alba Cid (Ourense, 1989), que escribiu Lava, luz de Bengala; Berta Dávila (Santiago, 1987), que compuxo A froita; máis a Alicia Fernández (Escairón, 1987) e Ismael Ramos (A picota, Mazaricos, 1994) que escribiron cadanseu poema sen título.

En De tigres coma cabalos Xela Arias propuxo II. Monólogo adicto que Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) confronta cunha composición titulada A rabia; mentres que Tamara Andrés (Combarro, 1992) elexiu Vente, que confrontou cunha creación que titulou Huis clos.

Xela foi unha autora moi activa e a súa obra tamén se atopa espallada en publicacións de variado formato. En 1994 publicou no Boletín Galego de Literatura o poema Soldados sobre o que traballou Antón Blanco (Carril, 1996) para compoñer Dos ximnetes nas cuíñas a quen lles descía polos ollos unha sombra de caeren mortos. Nese mesmo número publicou outro sen título que inspirou a Arancha Nogueira (Ourense, 1989) a compor Espazo en branco. Miriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) escolleu outro publicado en A Nosa Terra en 1984, Na xanela desde abril para escribir a súa Na xanela desde marzo. O que elexiu Oriana Méndez (Vigo, 1984) foi publicado en 1983 no Faro de Vigo, ambos os dous sen título. Da revista Dorna, Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) escolleu Que lugar que a inspirou a escribir Onde aplaque a marea.