Dobre episodio de ‘Operación Marea Negra’ este luns na TVG

Despois de vivir todo tipo de vicisitudes, chegan ao punto de encontro nos Azores, pero axiña aparecerá unha patrulleira
luis monteroSantiago
Imaxe dun dos episodios que se emiten este luns na TVG de ‘Operanción Marea Negra’. Foto: ladiapo.com

A Televisión de Galicia ofrece este luns o segundo e o terceiro capítulos da serie Operación Marea Negra, protagonizada por Álex González e baseada na historia real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa.

No capítulo desta noite, Nando e Sergio son conducidos a un estaleiro clandestino no Brasil. João, o responsable, amósalles o traste co que cruzarán o océano, que resulta ser unha auténtica lata de sardiñas. Sergio dubida, xa que lle parece unha misión suicida, e convence a Nando para fuxir, pero son interceptados por Angelito, un sicario.

Helicópteros do exército roldan a zona e non hai tempo que perder. Nando, Angelito e Walder, un humilde mecánico brasileiro, soben ao aparato e inician a súa viaxe polas augas do Amazonas.

Mentres, en Portugal, Carmo e Ortiz seguen as súas pescudas e descobren que dous mozos galegos foron ao Brasil para traer un cargamento de coca. A DEA avísaos de que un semisomerxible acaba de saír do Amazonas.

No seguinte episodio, os espectadores vivirán a viaxe de Nando, Walder e Angelito durante 20 días nun semisomerxible polo Atlántico. Será unha auténtica odisea: tormentas, un mercante que case os parte en dous, avarías, fame, sede, o olor dos químicos da coca, falta de sono... E tamén a tensión permanente entre Nando e Angelito, que viaxa cunha pistola.

Finalmente, chegan ao punto de encontro nos Azores con pelos e barbas estropallentos, neoprenos farrapentos, delgados, exhaustos... Pero conseguírono. A euforia dura pouco, xa que enseguida aparecen unha patrulleira e un helicóptero da policía, comandados por Carmo. Nando ten que decidir se entregarse ou fuxir, se acabar no cárcere ou arriscarse a acabar no fondo do mar.

Miniserie Documental ‘Operación Marea Negra’ . Tras a emisión da ficción, a TVG ofrece esta noite a terceira entrega da miniserie documental Operación Marea Negra, produción que ten por finalidade achegarse aos feitos reais acontecidos arredor da incautación do primeiro narcosubmarino en Europa. Un relato que pretende contar todo o que, pola idiosincrasia da ficción, non pode ser contado na serie.

A través de tres liñas de traballo diferentes, a miniserie intentará achegarlles aos espectadores a realidade do acontecido. Para iso, abordarase, coa maior rigorosidade, o proceso de investigación, as características deste tipo de travesías e os testemuños dos tripulantes implicados. Todo, co xa mencionado obxectivo de intentar contar a historia da maneira máis completa e dándolles sempre aos protagonistas a oportunidade de narrar os feitos.

SAUDADE DE TI. No episodio deste luns de Saudade de ti, Mónica decide consultar a Celia sobre as súas opcións para quedar embarazada, situación que aproveitará para utilizar as súas dotes de celestina entre a doutora e o enfermeiro. Por outra parte, terá que facer malabares para esquivar as preguntas da médica e que non se decate de que o seu aborto foi unha auténtica farsa.

Para os Eiroa as cousas tampouco están resultando fáciles. Se a primeira declaración de Lucho é certa e foron eles os que lle deixaron as chaves a Uxía, poderían enfrontarse a unha pena de cárcere. A Teresa non lle encaixa que o seu xenro mentise na declaración. Lucho oculta algo e ela está decidida a descubrir a verdade.

Pola súa parte, os López de Castro continúan nunha guerra interna polo poder.