Dous grandes da música, visitan esta semana o programa ‘Luar’

O espazo da TVG tamén contará coas actuacións de Catuxa Salom, Ancestros, o Grupo Origen e a Banda de Música de Foz
TVG
Josefa Rodríguez
estrela. Marta Sánchez actúa esta noite en Luar. Foto: TVG

O programa Luar contará hoxe coa presenza de dúas auténticas figuras da música española, que comparten ademais o seu apelido: Marta Sánchez e Rafa Sánchez, popularmente coñecido como Rafa de La Unión.

Marta Sánchez é unha das mellores voces deste país e unha das grandes estrelas da música pop española. A cantante galega leva tres décadas enriba dos escenarios e a súa música será protagonista neste primeiro Luar do mes de decembro.

Pola súa parte, Rafa Sánchez, o que fora vocalista dun dos grupos con máis éxito do panorama nacional, é un dos músicos máis aclamados do país. O exvocalista de La Unión está inmerso no seu Lobo Hombre Tour, o seu primeiro proxecto en solitario tras 36 anos de carreira musical.

O espazo da TVG tamén contará coa presenza doutra grande artista: Catuxa Salom, unha muller que irrompeu con forza no panorama musical galego cunha proposta innovadora, mesturando música tradicional galega con ritmos tribais e sons electrónicos.

Outra das actuacións da noite será a de Ancestros, unha agrupación musical de carácter celta, con influxo nórdico e fusións étnicas e tradicionais. O grupo conta con 13 membros e compón cancións inspiradas na cultura e a tradición galegas.

Ademais, estarán este venres no escenario o Grupo Origen, unha nova formación da verbena galega; a Banda de Música de Foz, que está a preparar o seu 30º aniversario, e o Grupo de Baile Xamaraina.

Na edición desta semana de Recantos, haberá novidades, xa que comezan as eliminacións e hoxe deixarán o concurso catro participantes. As actuacións deste venres serán as de Mar Brey, representante da comarca Galicia centro, e Laura Sánchez, a concursante de Terras do Eume.

A REVISTA. Comeza este venres unha macroponte de decembro que fará que os máis afortunados poidan gozar dun merecido descanso durante toda a semana que vén. O programa A Revista estará en directo en aeroportos e estacións de tren galegos para tentear a trasfega de pasaxeiros e falará co presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Juan Rivadulla, para falar das perspectivas do sector para estes días.

O espazo presentado por Loly Gómez tamén contará coa presenza de Teresa Castro, médica de familia en Vimianzo, que falará da situación da Atención Primaria. Tamén se pronunciará sobre cuestións útiles para os espectadores, como a efectividade dos antigripais, en pleno pico de infeccións respiratorias, e o funcionamento dos fármacos que combaten o colesterol.

Ademais, os espectadores coñecerán o fenómeno Totakeki, a galega que arrasa en TikTok. A Revista recibirá a Mercedes Silva, unha mariscadora de 22 anos que é hoxe en día unha das galegas con máis seguidores nesta rede social, a máis seguida entre a xente nova. Coa súa naturalidade e frescura, consegue que falar sobre tradicións galegas enganche milleiros de usuarios de toda España.

Outro dos convidados deste venres será Borja Brun, que estes días se deu a coñecer por organizar a primeira voda no metaverso. Este fotógrafo de Cangas, especializado en casamentos, adentrouse nesta nova galaxia dixital e logrou sacar adiante un enlace en que unha parella de Pontevedra se deu o si, quero’metida nun videoxogo.

Finalmente, o programa entrevistará a Gabriel Rodríguez Lorenzo, un lucense que triunfa xunto a un amigo cunha empresa en liña pioneira en comparar produtos financeiros para aforrar comisións.