Espazos naturais do Gaiás acollen a visibilidade da muller creadora

O Goberno galego promove
a terceira edición do ciclo
de intervencións artísticas ‘Reb/veladas na paisaxe’
Arte
María Abascal
CREACIÓN. Vista de ‘Ousadía, a liña da vida’, que pode verse no Bosque do Camiño.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inaugurou onte na Cidade da Cultura a terceira edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe co que a Xunta de Galicia consolida o seu compromiso de darlle maior visibilidade á presenza da muller na arte e contemporánea. Deste xeito, este ciclo de intervencións artísticas no espazos naturais do Gaiás mantén a súa aposta pola perspectiva de xénero no ámbito creativo e volve contar cunha presenza maioritaria feminina, tanto nas comisarias –María Marco, Elena Bangueses e Violeta Janeiro– como nas artistas: Amaya González Reyes, María Xosé Díaz e Alexandra R. Rey, quen traballa xunto a Thomas Apostolou.

Precisamente, no acto inaugural, o representante do Goberno galego remarcou a importancia deste tipo de ciclos para pór en valor non só as creacións artísticas na paisaxe feitas por mulleres, senón tamén as que se fan en Galicia, “como dan bo testemuño estas tres intervencións, nas que cinco das seis protagonistas son de orixe galego”, salientou. Neste senso, enfatizou que con este ciclo se amosa a aposta da Consellería de Cultura pola promoción da creación artística en Galicia, ofrecendo “oportunidades e espazos” para que os creadores e creadoras desenvolvan o seu traballo. “Queremos que a Cidade da Cultura non sexa só un lugar de exhibición, senón tamén un espazo para a creación”, afirmou.

Lugar de creación e exhibición. De feito, o conselleiro aproveitou a inauguración para lembrar que este ano se puxo en marcha o programa REGA, Residencias artísticas no Gaiás, onde se agrupan diversas liñas de traballo nas artes plásticas, nas escénicas e na literatura e gabou que todas elas ofrecen oportunidades para crear co obxecto de “contribuír ao que é un dos seus obxectivos como institución: dinamizar o sector cultural”.

Acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e das tres comisarias e as catro artistas, tamén fixo fincapé no reforzo do vencello entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago que supón Reb/veladas na paisaxe.

Ao respecto, lembrou que a Vía da Prata, que entra a Santiago polo barrio compostelán de Sar, transcorre paralela á faldra oeste do Monte Gaiás, xusto a zona onde se sitúan as instalacións: no Xardín literario e no Bosque de Galicia, cuxa nova e terceira fase acollerá unha das tres intervencións.