Estrea de ‘A illa das mentiras’ sobre as heroínas de Sálvora

Participada pola TVG, é a primeira longametraxe de ficción de Paula Cons e conta o afundimento en 1921 do ‘Santa Isabel’
Vicente Plaza
Unha das esceas da ópera primera da cineasta galega Paula Cons, coas catro protagonistas no centro. Foto: ECG

Entre os contidos especiais que a Televisión de Galicia ofrece hoxe para conmemorar o Día Internacional da Muller, cómpre salientar a estrea no prime time dunha nova película participada pola canle pública, A illa das mentiras. A ópera prima da directora galega Paula Cons é unha homenaxe ás tres mulleres que se converteron en heroínas tras o naufraxio do buque Santa Isabel fronte ás costas galegas en 1921.

Con Nerea Barros, Victoria Teijeiro, Ana Oca, Darío Grandinetti, Aitor Luna e María Costas nos papeis principais, a película foi rodada en 2019 e está inspirada libremente en feitos reais, no afundimento do buque Santa Isabel. Este é o punto de partida dun filme en que o máis interesante non é o naufraxio en si mesmo, senón as consecuencias que ten nun microcosmos tan pechado e peculiar coma o desta pequena illa. Tamén é unha homenaxe ás tres mulleres que salvaron a vida de 48 persoas e que foron inxustamente esquecidas pola historia.

A illa das mentiras comeza a madrugada do 2 de xaneiro de 1921, cando o transatlántico Santa Isabel, con destino a Bos Aires e 260 persoas a bordo, se afunde fronte á escarpada e dura costa da illa de Sálvora.

A falta de homes na illa, tres mozas, María, Josefa e Cipriana, deciden ir ao rescate, salvando case medio cento de persoas, nun acto heroico que pagarán moi caro. Tras estes feitos, León, un periodista arxentino, acode a Sálvora para cubrir a noticia do naufraxio. Pouco a pouco irá descubrindo que esa noite se produciron demasiadas casualidades, chegando mesmo a sospeitar que o naufraxio puido ser provocado. Mentres tanto, xa nada será igual. O naufraxio sacudirá e cambiará para sempre a vida da illa.

Coproducida pola galega Agallas Films, a vasca Historias do Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000, conta coa participación da TVG, RTVE e ETB e co apoio de Agadic, Goberno Vasco, ICAA, INCAA arxentino, ICA portugués e o Programa Ibermedia.

A longametraxe, que obtivo cinco premios Mestre Mateo, forma parte do ciclo Voa con..., que achega historias reais situadas en Galicia con protagonistas galegas, como María Solinha e a recentemente estreada Sofía Casanova, a obreira do pensamento.