Estreas de primeiro nivel no OUFF desde o venres en Ourense

A 26 edición do festival reforza a súa sección oficial // Proxectaranse 71 obras audiovisuais cun área específica para os creadores galegos
Cine
Luís Planas
CINEMA. Primeiros diante, desde a esquerda, Román Rodríguez, Manuel Baltar e Miguel Anxo Fernández, entre outros.

A 26 edición do OUFF que comeza este venres día 24 aposta por unha sección oficial de calidade, con estreas de primeiro nivel e un espazo destacado para os creadores galegos. Proxectaranse 71 produccións audiovisuais programadas, 33 delas con participación galega, 22 curtas, unha serie de televisión e unha web serie forman a programación deste ano.

Complétase o programa con 16 estreas, 10 delas a nivel mundial, como é caso de Malencolía na gala de apertura, e 24 países representados. Todo isto programado nunha edición na que o Ourense plató de cine toma relevancia ao mesmo tempo que se aposta por unha Sección Oficial de calidade que se consolida coma un espazo de encontro dentro do panorama cinematográfico estatal. Pero imos por partes.

Carmen Leyte, presidenta da Fundación Carlos Velo, Miguel Anxo Fernández, director artístico do OUFF, Rubén Saavedra, director territorial de Ourense de ABANCA, Xosé Pastoriza, director de La Región, Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense foron este martes os encargados de dar a coñecer os detalles esta mañá na presentación oficial.

A 26 edición do Ourense Film Festival, “representa unha homenaxe a todos aqueles que fixeron desta cidade e desta provincia unha terra de cine, berce da cultura, da reflexión, da innovación e da vangarda”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun acto no que anunciou que engadirá ás funcións da deputada de Cultura, Patricia Torres, a responsabilidade de produción audiovisual, “título que non existe na nosa contorna nacional e que reflicte perfectamente o carácter de Ourense como porta de entrada do cinema de Galicia”.

O rigor e calidade do festival, dixo, “reflíctese nestes 26 anos, edicións máis que suficientes para mirar con moito optimismo cara o futuro, comprobando como Ourense gañou visibilidade organizativa en todo este tempo e como se nos coñece en San Sebastián, en Almería, Alacante ou Málaga, onde os presidentes dos seus respectivos gobernos provinciais tamén apostan con decisión polos seus certames”.

O festival, engadiu Manuel Baltar, “achega a Ourense unha personalidade propia, un espello da cultura que tan fundamental é para esta Deputación, como así quedará demostrado na inauguración e na clausura, coa proxección de senllas producións rodadas en Ourense”.

Román Rodríguez felicitou ao festival por esta 26 edición “cando hai moi poucos proxectos culturais na Galicia contemporánea que poidan pasar as vodas de prata con brillantez, e onde se comproba a grandísima identificación coa cidade e a provincia de Ourense e a notable implicación público-privada”. Unha iniciativa, afirmou, “moi importante para un sector tan puxante na cultura galega como é o audiovisual, nun momento de esplendor creativo e de madurez, e con recoñecemento nacional e internacional”.

Unha aposta clara, sinalou, ”pola industrialización e a modernización dun sector que en Galicia dá traballo a máis de 2.000 persoas, con máis de 130 empresas e que xera ingresos superiores aos 127 millóns de euros”.

Pola súa banda, Leyte, que recordou “o empeño do mesmo Manuel Baltar para que continuase o festival más antigo e importante de Galicia”, destacou a entrada en escena do OUFF da Fundación Carlos Velo “cos seus obxectivos claramente impulsores do audiovisual galego, seguindo o imaxinario do cineasta de Cartelle, e recollendo con responsabilidade e orgullo a organización e xestión do festival ourensán”.

Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, foi o encargado de detallar o contido do programa “dun certame que este ano reforza a condición de xurado internacional da sección oficial, con representantes de México, Uruguai, Portugal e España, así como coa cinematografía de Portugal e de México, que se suman á comezada con Francia na pasada edición, ademais da concesión da Calpurnia de Honra Internacional á actriz lusa Leonor Silveira ”, subliñando ademais que “dos 71 filmes de diferente formato que compoñen esta edición, 33 teñen participación galega”.

E José Coronado vai levar o Prremio Televisión 2021.