Éxito no Gaiás da exposición ‘Galicia futura’, itinerante

Pechará o vindeiro domingo neste museo de Santiago pero poderá verse noutras cidades
Arte
Luís Planas
compostela. Unha das pezas no museo do Gaiás da exposición ‘Galicia Futura’, que vai facerse itinerante. Foto: G.

A Cidade da Cultura de Galicia despide o vindeiro domingo a exposición Galicia futura. Todo o que imos ser, que chega á súa derradeira semana no Museo Centro Gaiás superando as 35.000 visitas e cunha media diaria de arredor de 250. Ademais, un milleiro de escolares de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP participaron no programa didáctico dunha mostra que supuxo a volta presencial das visitas educativas presenciais tras a pandemia, pese a que tamén se contou con oferta de visitas a través de videoconferencia para os centros que o solicitasen.

A mostra impulsada pola Xunta de Galicia, que aínda pode visitarse de balde todos os días desta semana con horario de 10:00 hotas a 20:00 h.no primeiro andar do Museo, convida a un suxestivo percorrido que dialoga entre arte, ciencia, tecnoloxía e creatividade. A mostra tamén se achegará a outras cidades galegas ao longo de 2022, grazas a un programa de itinerancias (que se dará a coñecer proximamente) e que se enmarca no obxectivo estratéxico do Gaiás de converterse nunha factoría de contidos para outros centros culturais de Galicia, descentralizando a súa actividade.

Con Galicia futura a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pecha a triloxía de grandes exposicións organizadas con motivo do Xacobeo, que comezou con Galicia, un relato no mundo e continuou con Galicia, de Nós a nós. A mostra quere transcender os límites físicos do propio museo e impulsar procesos artísticos propios. Así, exhibe unha vintena de pezas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes da plástica, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega. Obras da dramaturga Marta Pazos, o cineasta Oliver Laxe, os artistas Rubén Ramos Balsa e Vítor Mejuto, o fotógrafo Damián Ucieda ou a poeta Estíbaliz Espinosa, entre outros moitos, contribúen á visión coral que tenta ofrecer a exposición.

A mostra está comisariada por Miguel Ángel Cajigal e Deborah García Bello, coñecidos nas plataformas dixitais como @elbarroquista e @deborahciencia, dous galegos que nos últimos anos se situaron entre os divulgadores emerxentes do eido artístico e científico. Ademais, coa exposición como pano de fondo e conducido por Deborah García Bello, o encontro #Culturalike3 congregou tamén no Gaiás a seis recoñecidos divulgadores para falar de novos modelos de comunicación da cultura e a ciencia con nomes como a escritora Espido Freire, a historiadora Sara Rubayo, a bióloga e neurocientífica Tamara Pazos ou o químico e investigador Juan Manuel Bermúdez.

Partindo da pregunta Como imaxinas ti a Galicia futura?, a exposición toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas que poden ser innovadoras.