Florencio Delgado Gurriarán, un poeta senlleiro nas letras galegas

O conselleiro de Cultura destaca o gran dinamismo do xénero da poesía en Galicia, tanto polo número de celebracións como polas iniciativas literarias que a compoñen
Letras Galegas
Luis Montero
Fotografía de familia dos participantes no acto da conmemoración do Día Mundial da Poesía na Ínsua dos Poetas. Foto: G.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Poesía, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou nun acto na Ínsua dos Poetas, onde destacou a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na longa tradición literaria galega, que ten importancia polo seu “amplo cultivo da poesía ao longo de séculos”. Cómpre lembrar que o ourensán é o homenaxeado este ano con motivo do Día das Letras Galegas.

Salientou a visión de Delgado Gurriarán, “un home que entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares e, ao mesmo tempo, como unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego”.

“Todo isto posibilítao a poesía: a preservación do patrimonio cultural dun pobo, pero tamén o seu patrimonio emocional”, engadiu.

Román Rodríguez quixo facer fincapé no dinamismo da poesía galega, ”un xénero vivo coa publicación de preto dun cento de novidades editoriais cada ano”.

Destacou que nestes “momentos convulsos, é máis necesario que nunca apoiar todas as manifestacións artísticas e poñer en valor o seu compoñente emocional”.

Un apoio que, como indicou, está a realizar a Xunta desde iniciativas como certames, premios e festivais líricos por toda a comunidade.

Na conmemoración do Día Mundial da Poesía, establecido pola Unesco en 1999, na Ínsua dos Poetas participaron tamén o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; así como o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

No transcurso do acto, realizouse unha conexión cos muralistas Mon Devane, Diego As e Lidia Cao e oito escolares recitaron poemas de Florencio Delgado Gurriarán.

Incluíu o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval, e unha homenaxe ás letras arxentinas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa.

Rosalía de Castro en Madrid. Tamén co gallo do Día Mundial da Poesía e, aproveitando a coincidencia coa celebración do Día da Árbore, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Real Xardín Botánico de Madrid na mesa redonda A imaxinación botánica das escritoras do século XIX, enmarcada na exposición O herbario de Rosalía de Castro: Nasín cando as prantas nasen que, desde o 18 de febreiro e ata 27 deste mes, acolle o Invernadoiro dos Bonsais de dita institución co apoio da Xunta.

A mesa redonda, presentada pola profesora Pura Fernández, centraouse na análise da natureza en escritoras do século XIX e contou coa participación de Catherine Davis, Solange Hibbs e María López Sández, que falaron de Gertrudis Gómez de Avellaneda, Rosario Acuña e Rosalía.