Homenaxe a Alfredo Conde, un galeguista integrador e fraterno

Recibe o título de Fillo Predilecto da provincia de Ourense nun acto no que Feijóo destaca a intensa experiencia do escritor como deputado e conselleiro de Cultura
Literatura
Luis Montero
Baltar, Feijóo e Alfredo Conde, no acto de entrega do título honorífico como Fillo Predilecto da provincia de Ourense. ECG

Como un defensor do galeguismo integrador e fraterno que tende pontes entre terras e persoas, así definiu onte o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao escritor Alfredo Conde.

Galardoado co título honorífico de Fillo Predilecto da provincia de Ourense, nun acto na cidade das Burgas que contou coa presenza do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, o titular do Executivo autonómico recordou que Alfredo Conde foi protagonista -“e non relator”- dunha fermosa historia naquel Parlamento galego cuxa efeméride do seu corenta aniversario celebrouse precisamente hai poucos días.

“Había un cuarteto de deputados procedentes do galeguismo independente do que formaba parte o que hoxe recibe a merecida homenaxe da súa xente”, lembrou Feijóo, quen engadiu que, lonxe de ser testemuñal, a presenza de Alfredo Conde, Ramón Piñeiro, Carlos Casares e Benxamín Casal naquela cámara tiña o significado de representar a continuidade e unha maneira grata de entender a devoción por Galicia, intensa e ao tempo afable.

“Aqueles catro deputados personificaban un galeguismo apto para todos os galegos”, abundou o presidente, ao longo da súa intervención na devandita cerimonia.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego afirmou que aquela intensa experiencia como deputado e despois como conselleiro de Cultura no Goberno dirixido por Fernando González Laxe, non só foi frutífera no terreo político, senón tamén no literario.

“Este novo fillo predilecto da provincia de Ourense ten o inmenso mérito de lograr unha obra composta de libros que son embaixadores do noso”, dixo, precisando que a súa literatura comparte co galeguismo integrador esa apertura cara ao exterior, “ese camiño de ida e volta de influencias que tanto enriquece ao ser de Galicia”.

Nesta liña, aseverou que, se ben poucos como Alfredo Conde teñen escrito tanto en galego e teñen defendido tanto a nosa lingua cando as circunstancias eran especialmente hostís, non en tanto ese amor perpetuo polo idioma non o leva a abrazar ningún dogma no que o bilingüismo estea proscrito.

“A súa mestría exhíbese por igual en galego e en castelán. Pertence a un mundo literario no que os valados idiomáticos, por fortuna, non existen”, concluíu Feijóo.

O título de que acaba de recibir Alfredo Conde foille concedido polo pleno da Corporación provincial de Ourense en febreiro do pasado ano, nunha iniciativa que buscaba o “recoñecemento do noso pobo a un destacado veciño, cuxa frutífera traxectoria literaria e vital o sitúa como un dos escritores máis insignes que deu o noso país”, segundo especificaba naquel momento o documento de aprobación do nomeamento do escritor como Fillo Predilecto da provincia de Ourense.