‘I+P, Ideas para Producir’, un foro de creación audiovisual

Do 30 de novembro a 1 de decembro en Pontevedra, estarán alí canles, plataformas, así como distribuidoras e produtoras
Andrea Barreiro
Imaxe da edición do 2019, pola esquerda, o director de Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o presidente do Clúster, Jorge Algora. Foto: G

A 15ª edición do I+P, Ideas para Producir confirmou ata o momento a participación de preto dunha vintena de canles de televisión, plataformas, distribuidoras e produtoras en busca de novas ideas e produtos audiovisuais. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, o evento celebrarase os días 30 de novembro e 1 de decembro en Pontevedra, garantindo todas as medidas de protección persoal e distancia social fronte ao coronavirus.

A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one to one terá lugar o vindeiro 1 de decembro e contará coa asistencia de executivos do departamento de Contidos de TVE e TVG ou da Área de Ficción de Mediaset España. Tamén acudirán a este foro a produtora executiva de Atresmedia Cine, Gemma Vidal; o responsable da Área de I+D de Ficción e Contidos Dixitais de Atresmedia TV, Diego del Pozo; a vicepresidenta das canles de Cine e Documentais para o Sur de Europa de AMC Networks, Pilar de las Casas; as executivas de Desenvolvemento de Series Orixinais de Movistar+, Alejandra Saba e Ana Díez, e a do departamento de Compras de Dereitos Audiovisuais de Cine Español e Independente da mesma plataforma, Lara López; a manager de Contidos en Español e Portugués de Netflix, Isadora Laban, e a asociada de Contidos en Español, Dominique Brundler; os Scripted Development Executives de Amazon Adriana Izquierdo e Rafa Taboada; o xefe de Ficción e Cine de TV3, Oriol Sala-Patau, e a directora de Contidos de Aragón TV, Natalia Martínez, entre outros.

No I+P, Ideas para Producir estarán ademais o CEO de Filmax, Carlos Fernández; o responsable de Vendas de DeAPlaneta, Cristian Caggiano, e o de Distribución de Cine Español e Coproducións de A Contracorriente Films, Fernando Riera; a directora de Desenvolvemento de Bambú Producciones, Gema R. Neira, así como executivos da produtora Portocabo.

As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 6 de outubro. Para elo teñen que enviar o formulario que encontrarán na páxina web do Clúster (www.clusteraudiovisualgalego.com).

A partir do día 30 de outubro a organización comunicará aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching.

Na edición de 2021 o I+P, Ideas para Producir conta co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX, Cinetools, Galicia Calidade e Campos&Rial Correduría de Seguros, e coa colaboración de AGAG, CREA, da plataforma Filmarket Hub, do MPXA e da Pontevedra Film Commission.

Catálogo Filmarket Hub. As longametraxes e series en desenvolvemento seleccionadas para participar na 15ª edición do I+P, Ideas para Producir incluiranse por tempo ilimitado no exclusivo catálogo de Filmarket Hub, o mercado online que opera no continente europeo e en Latinoamérica. Deste xeito os proxectos contarán con maior visibilidade e difusión, aumentando as súas posibilidades de encontrar posibles coprodutores ou compradores e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.