Impulso para o sector do videoxogo galego a través do Hub Audiovisual

Agadic, Videoxogo.gal, Gato Studio, Aruma Studios, Wood Games e Víctor Justo, falaron de sinerxias na feira Culturgal
Luís Planas
COLABORACIÓNS. Anxo M. Lorenzo, Jacobo Sutil e Valentín García no Culturgal. Foto: G.

A Xunta de Galicia principiou este sábado o seu programa de actividades na feira Culturgal, que se desenvolve desde onte no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entre as diferentes presentacións, sobresaen varias iniciativas para impulsar o potencial do sector do videoxogo a través do Hub Audiovisual, que está a deseñar a Xunta en colaboración coa asociación Videoxogo.gal.

O director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e Manuel Rey e Luz Castro, secretario e tesoureira de Videoxogo.gal, respectivamente, falaron alí xunto a catro destacadas empresas galegas do sector para abordan os proxectos que están a ultimar nestes momentos: Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios; The Waylanders, de Gato Studio; Super Woden GP, de Víctor Justo, e Rai, de Wood Games.

Dixo o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que os catro “son un reflexo do talento creativo, técnico e empresarial arredor dos videoxogos en Galicia, razón pola que a Xunta traballa na primeira iniciativa autonómica de fortalecemento e vertebración dun sector con gran capacidade de crecemento”.

Trátase dun dos principais eixos do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que o Goberno galego acaba de poñer en marcha e para o que conta cun orzamento de 9,6 M€ do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

No marco do obxectivo global do hub, “que busca reforzar a posición de Galicia como referente competitivo e de calidade no contexto global das industrias culturais e competitivas”, o sector dos videoxogos será o destinatario “dun polo de aceleración empresarial e dun fondo específico para o desenvolvemento de proxectos, ademais doutra serie de accións transversais”, segundo sinala a nota do Goberto autonómico.

No caso do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, os seus destinatarios serán os emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e, en consecuencia, a súa consolidación. Esta iniciativa materializarase a través dun convenio ao abeiro do que se desenvolverán as dúas edicións, cunha duración total de 20 meses desde a súa posta en marcha.

En canto ao fondo de desenvolvemento de videoxogos, articularase a través dunha liña de subvencións dotada con 400.000€ destinada ás produtoras galegas, tanto para o seu desenvolvemento empresarial como para levar a cabo proxectos competitivos a nivel global.

Fora do eido audiovisual, durante a xornada do sábado, a Xunta completou a súa actividade en Culturgal con iniciativas como a entrega do VII Premio Literario Nortear a Pedro Rodríguez Villar pola súa obra Ou amor das pedras. Ademais, o secretario xeral de Cultura falou das liñas estratéxicas nas que se centrará a programación cultural de 2022 na que, como apunta, “será unha programación que porá o foco na revitalización do sector, con propostas diversificadas e descentralizadas para que a cultura chegue a todos os lugares de Galicia”, misturando mesmo audiovisual que outras artes.