OURENSE. Será o terceiro galardoado en obter a distinción de Televisión deste certame, despois da actriz galega Cristina Castaño e da serie ‘La que se avecina’. TEXTO Luis Planas

José Coronado recibirá premio nun OUFF que abrirá Alfonso Zarauza

OUFF
Luís Planas
TV. Luis Zahera, José Coronado e Nona Sobo nunha secuencia de ‘Entrevías’, unha serie de Telecinco. Foto: G.

O Premio Televisión do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) 2021 recaerá no actor Jose Coronado. O intérprete madrileño recibirá este galardón en recoñecemento a súa extensa carreira na televisión onde nos deixou papeis memorables en series como Brigada Central, Periodistas, Acusados, El Príncipe, Gigantes ou Vivir sin permiso e que agora estrea Entrevías. Actualmente, roda para Mediaset España Entrevías, unha nova ficción que o grupo produce xunto a Alea Media cuxo primeiro capítulo estrearase en exclusiva tras o acto de entrega do premio ao seu actor protagonista, o próximo 29 de setembro no Teatro Principal.

Coronado toma o relevo da actriz galega Cristina Castaño e da serie de Mediaset La que se avecina e será o tercer persoeiro en recoller este premio surxido no ano 2019.

A organización do festival salienta que “coa institución do premio OUFF Televisión, que na súa primeira edición foi recibido por Cristina Castaño, o festival quere salientar o pulo que a ficción televisiva está a tomar nos últimos anos, co engadido de incorporar recursos e estruturas narrativas tomadas do cine, ademais da propia dinamización do sector. Talento, creatividade e industria, están a camiñar da man no obxectivo común de producir imaxes de calidade, das que o premiado, José Coronado é un garante de prestixio.”

Gañador do Goya en 2012 pola súa maxestuosa interpretación en No habrá paz para los malvados de Enrique Urbizu, Jose Coronado non necesita presentación. É unha das caras máis coñecidas do audiovisual español. Naceu en Madrid en 1957 e decidiu facer un curso de arte dramático na Escuela de Cristina Rota cando estaba a piques de cumplir os 30. Un mes despois, conseguía o seu primeiro papel nunha obra de teatro. Dende entón, non parou de traballar. A súa dilatada carreira profesional inclúe preto de 40 películas, máis dunha ducia de obras de teatro e decenas de papeis en series para televisión. Ademais, estivo dúas veces nomeado ao Goya como Mellor Actor de Reparto por Goya en Burdeos, dirixida por Carlos Saura, e por La caja 507 de Enrique Urbizu.

Entrevías, a mencionada serie que roda actualmente, é un drama urbano que protagoniza xunto ao actor galego Luís Zahera e a nova actriz novel Nona Sobo. Narra a historia de Tirso Abantos, un home de principios cuxa existencia rutineira dá un envorco cando a súa neta adolescente irrompe de cheo na súa vida.

Para rematar este ano de éxitos, Coronado recibirá en Ourense o Premio OUFF Televisión o vindeiro 29 de setembro, nunha gala na que se estreará en exclusiva o primeiro capítulo desta nova serie.

Por outra banda, Malencolía é a película escollida para inaugurar a 26 edición do OUFF ). A estrea mundial deste filme durante a gala de inauguración do festival dará arranque a 10 días de cine nos que Ourense, como plató de cine, volverá a brillar no universo cinematográfico. E é que esta historia de terror pouco convencional foi rodada este mesmo ano en escenarios do Carballiño, Boborás e O Irixo. O filme está producido por Maruxiña Film Company e conta coa participación de Televisión de Galicia e a colaboración da Deputación de Ourense.

Malencolía é o sexto filme do director galego Alfonso Zarauza (natural de santiago), o último despois doéxito acadado con Ons (2020). Conta con Xulio Abonjo e Melania Cruz como protagonistas, aos que acompañan Iolanda Muiño, X. A. Touriñán, Ledicia Sola ou Tito Asorey, entre outros intérpretes.