Máis de corenta actividades para homenaxear a Emilia Pardo Bazán

Na conmemoración do centario do pasamento da autora participan unha trintena de institucións e entidades de Galicia, España e de Estados Unidos
Cultura
Flora Touzón
Pola esquerda, na primeira fila, Henrique Monteagudo e Román Rodríguez xunto aos outros asistentes á presentación, no Museo de Belas Artes da Coruña. Foto: C.C.

Galicia impulsará este ano unha programación extensa, variada e plural para conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades que terán como acto central a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade.

Trátase da mostra levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad de Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Coruña que se exhibirá na Coruña do 22 de outubro ao 18 de decembro tras o seu paso por Madrid e que reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.

Así o explicou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no Museo de Belas Artes da Coruña na presentación da programación do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851- Madrid, 1921), no que tamén interviron de xeito presencial ou por videoconferencia representantes das institucións participantes.

Entre eles, o presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a comisaria da exposición Emilia Pardo Bazán, el reto de la modernidad, a catedrática da Universitat de València e biógrafa da autora, Isabel Burdiel; o viceconselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid, Daniel Martínez; a directora xeral da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos Aramburo; o director do comité científico do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, o catedrático emérito da USC e académico correspondente José Manuel González Herrán; o reitor da UDC, Julio Abalde; o primeiro tenente de alcalde da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e a condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro.

Trátase dunha programación que nace da implicación e compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e de Estados Unidos que colaboran na posta en marcha das actividades para pór en valor a figura de escritora durante este ano.

EXPOSICIÓNS. Nestas actividades, a mostra Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade será a gran iniciativa do centenario que permitirá achegarlle á sociedade a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos de Pardo Bazán así como a súa dimensión europea “sen esquecer a pegada que deixou en Galicia”, indicou o conselleiro Román Rodríguez.

Así, xunto a esta exposición, as conmemoracións incluirán catro mostras máis como Cen anos sen Emilia, unha acción de rúa que itinerará por distintas cidades de xuño a setembro para divulgar a súa obra ou a que se poderá ver no Museo de Belas Artes da Coruña en outono.

En novembro, a Biblioteca de Galicia, na compostelá Cidade da Cultura, porá en valor o traballo da autora, cunha escolma bibliográfica das súas pezas máis senlleiras e representativas. Estas exposicións súmanse á xa celebrada en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago para analizar a pegada de Pardo Bazán na cidade de Santiago de Compostela.

Desde o mundo académico. O centenario tamén incluirá dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas.

Trátase de Emilia Pardo Bazán no seu Centenario: Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, que se celebrará en setembro, e Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, co apoio específico da RAG e o Consello da Cultura Galega, así como outras entidades internacionais como o Brooklyn College da City University of New York e que está programado para outubro.

No marco da efeméride, a Xunta tamén edita este ano varias publicacións de distinta natureza e alcance e colabora coa Editorial Galaxia ou a Asociación de Prensa da Coruña para outras edicións.

Ademais, levaranse a cabo máis dunha trintena de actividades de difusión en redes, nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas que achegarán a figura da intelectual a todos os públicos. Incluiranse accións orientadas aos máis novos como contacontos ou obradoiros de ilustración e formatos como faladoiros destinados a público especialista.

Memoria dixital. Román Rodríguez recordou tamén que se emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Estará dispoñible desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.

A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.